As Vacas da Ulloa mostra a estudantes do CIFP Santiago o funcionamento dunha cooperativa láctea

A cooperativa As Vacas da Ulloa acolleu o pasado venres un obradoiro titulado “Divulgación do emprendemento e de experiencias cooperativas como modelo de éxito” que organiza AGACA no marco da Rede Eusumo. Este obradoiro está organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Nel participaron persoas en situación de desemprego que cursan no CIFP Santiago un Certificado de Profesionalidade sobre interpretación e educación ambiental.
Esta iniciativa busca dar visibilidade ao cooperativismo e a economía social entre os estudantes para que, unha vez rematados os estudos, poidan ter estes modelos de negocio en conta como opción de emprego.
Guiado polo persoal das Vacas da Ulloa, o alumnado percorreu as instalacións para coñecer de primeira man o funcionamento da granxa, ademais dos retos que leva superado para lograr a rendibilidade na súa actividade láctea.

Esta actividade enmárcase na Programación da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

 

Luns, 16 September, 2019 - 11:45

Compartir