Uf Negra Sombra SCG: “Parécenos importante xerar emprego con iniciativas que traballen dende o coidado ás persoas e á contorna”

A recén creada Uf Negra Sombra Sociedade Cooperativa Galega é unha proba máis de como a economía social serve moitas veces para salvar empresas e empregos. Pero tamén para manter a flote aspiracións, inquedanzas e valores. 

É a primeira cooperativa de persoas usuarias de Galicia no eido da hostalería e marca por tanto un fito na utilización desta fórmula. Ante o anunciado peche do establecemento ao que ían de sempre, no que atopaban a vida cultural e social que lles alimentaba a alma, a clientela do Café Uf de Vigo (rúa Placer, 19) organizouse para coller o testigo e mantelo con vida. Falamos con Eva Gil, unha das promotoras desta nova empresa na que se embarcaron tres mulleres e seis homes.

No voso caso, o cooperativismo foi a solución a unha necesidade. Tíñades o devezo de manter con vida o voso café de toda a vida, por que vos decidistes por esta fórmula?

Pareceunos que unha cooperativa era a fórmula que máis se asemellaba ao que tiñamos na cabeza. O gromo da idea parte da decisión do que é socio traballador de coller o traspaso para facer do Uf o seu espazo de traballo (xa o fora durante 8 anos como asalariado). Cando o falou co resto por se queriamos colaborar na parte cultural vimos claro que a fórmula de cooperativa de persoas usuarias era o máis axeitado para darlle forma. Cremos que unha cooperativa nos permite unirnos dun xeito “horizontal” entre persoas consumidoras e traballadoras, sen esquecer a necesidade de que exista unha rendabilidade económica para que o proxecto teña proxeción a futuro.

Canta xente forma parte do proxecto? A cooperativa está aberta a novas incorporacións? Como vai ser o funcionamento da entidade?

Somos oito persoas socias usuarias e unha socia traballadora. A maiores contratamos a unha persoa traballadora asalariada, sen prexuízo de que nun futuro entre a formar parte da cooperativa.

Estamos abertas á entrada de máis socias, pero queremos ir paseniño. Parécenos importante aprender a funcionar entre nós e ter unha boa dinámica grupal antes de ampliar o proxecto.

De momento a vosa iniciativa significou dous empregos.

Gustaríanos que poidan ser máis as persoas que traballen en Uf Negra Sombra, xa que iso significaría que o proxecto vai adiante, pero tamén porque nos parece importante xerar emprego con iniciativas que traballen dende o coidado ás persoas e á contorna.

O Café Uf ten unha intensa vida cultural ás súas costas na que apostou pola autenticidade e fuxiu do consumismo e as modas pasaxeiras. Cales son os valores da economía social cos que queredes identificar o local nesta nova etapa?

A autonomía e autoxestión son dous dos valores que nos acompañan na creación deste proxecto. Non é a primeira vez que participamos na creación dun espazo ou actividade e sempre fixámolo dende o que cada unha de nós podía aportar, apoiándonos e crendo nas posibilidades que temos ao facer o traballo de xeito colectivo.

O UF seguirá a ser un espazo aberto tanto a iniciativas de tipo cultural como político, sempre dende a búsqueda dunha vida mellor.

Pensades que a economía social é un camiño acaído para salvar empresas e empregos? Credes que debería haber máis iniciativas deste estilo?

Entendemos que a economía social é a mellor fórmula no funcionamento empresarial, sobre todo a pequena escala. Permite que nos fagamos cargo de cubrir as nosas necesidades e desexos, sen depender de grandes empresas que marquen os xeitos de consumo, e polo tanto tamén de produción.

Cantos máis proxectos vencellados á economía social existan, a rede pode ser maior, ao igual que a oferta de produtos e actividades. Parécenos importante fixarnos en como o fan outras cooperativas, coma no noso caso fixemos con Árbore, aprender da súa experiencia e buscar nexos que nos fortalezan a ambas.

Que proxectos tedes para animar a vida do Café Uf?

Neste momento arrancamos cunha exposición de pintura e ilustración de Carlota Pipoca que xa se pode visitar no local. Pouco a pouco queremos retomar a vida cultural do café. Estamos abertas a propostas de artistas e nas nosas cabezas xa bulen varios proxectos que iremos artellando nos vindeiros meses.

Que tal resultou a reapertura?

O día de reapertura foi un momento de moitos nervios e emoción. Decidimos non crear un evento de inauguración para non arriscarnos a ter que deixar á xente fóra por problemas de aforo, pero aínda así a resposta da clientela de sempre do UF e da nosa contorna foi incrible. Unha hora despois de abrir as portas, o café estaba cheo de vida, que ao fin e ao cabo é o noso obxectivo principal.

Inicialmente, abriremos de martes a sábados en horario de mañán e tarde. Pretendemos ampliar a oferta de almorzos e incluír algún petisco de tarde/noite, sen perder a ampla carta de cafés e infusións que sempre definiu ao Uf. Os sábados polas mañás o café estará aberto para cubrir a sesión vermú, horario no que pretendemos que tamén poidan xurdir ofertas culturais.

Martes, 24 August, 2021 - 08:30

Compartir