Teresa Martínez de Limia Xestión, S. Coop. Galega: "“As persoas emprendedoras cada vez chegan a nós con proxectos máis serios e con vocación de converterse nunha forma de vida”

Limia Xestión foi a cooperativa anfitriona do Día do Cooperativismo Galego de 2019, celebrado en Xinzo de Limia. Esta cooperativa de traballo asociado acumula unha ampla traxectoria e prestixio no sector do asesoramento a empresas, especialmente a pemes. Nesta entrevista coñecemos máis en detalle a súa actividade e proxectos e como viviron a experiencia da festa das cooperativas galegas.

Como valorades a experiencia de acoller o Día do Cooperativismo Galego?
Estamos encantados. Foi un día excepcional na Limia, que deu moita visibilidade  a todo o traballo feito a prol do cooperativismo e a economía social. As cooperativas da zona sentíronse homenaxeadas. Ademais, o acto estivo moi ben organizado e desenvolveuse perfectamente.

Cando e por que xurdiu a idea de crear Limia Xestión? Por que escollestes a vía da economía social?
Empezamos no ano 2000 por necesidades de autoemprego. Nós tiñamos experiencia e formación no eido da consultoría. A economía social axústase á nosa filosofía de traballo e permitiunos darlle viabilidade ao que sabiamos facer e poñer en marcha o proxecto. Nun primeiro momento constituímos unha sociedade laboral limitada con tres socias, unha delas capitalista e as demais traballadoras. Cando incorporamos ao terceiro socio traballador cambiamos á fórmula cooperativa. A economía social permítenos compatibilizar a profesión co que máis nos satisfai, que é estar na nosa terra e convivir coas nosas familias.

No voso asesoramento a pemes ou novas persoas emprendedoras, como valoran a posibilidade de emprender na economía social?
Normalmente, cando vemos que o proxecto encaixa e dá traballo a dúas persoas e cumpre uns mínimos para poder ser cooperativa, tratamos de dirixilos por ese camiño. É moi importante que entendan que a relación persoal é vital, que teñen que manter unha relación moi estreita de colaboración durante a súa vida profesional. E a xente valórao moito. En 2018, constituímos seis cooperativas na Limia, dúas delas xuvenís, que fixeron posible que as persoas emprendedoras deran o paso definitivo para montar o seu negocio.

Moitas cousas mudaron nos últimos anos na sociedade e na economía. Tamén na forma de emprender?
Notamos moito cambio desde a época da crise ata agora. A xente vén a nós moito máis centrada. Queren emprender pero sabendo no que se meten. Xa hai unha análise e reflexión previas. Cada vez chegan proxectos con maior seriedade, rigor e con vocación de perdurar, de ser viable e incluso de converterse nunha forma de vida.

Que tipo de proxectos desenvolvedes actualmente? Algún que vos gustaría destacar da vosa traxectoria?
Nestes vinte anos axudamos a constituír 75 cooperativas e sociedades laborais, polas que sentimos un gran orgullo. A día de hoxe queremos destacar Xpazo, un proxecto colaborativo que esperamos que teña moito futuro. Impulsámolo conxuntamente con outra cooperativa, unha sociedade laboral e unha autónoma, coas que formamos o núcleo fundador. O espazo que nos corresponde neste coworking cedémosllo temporalmente aos novos emprendedores que asesoramos, para que lles sexa máis fácil poñer en marcha os seus proxectos. Así teñen unha mesa de traballo durante uns meses e tamén utilizámolo para traballar en común co resto de empresas que teñen oficina alí.

*Na foto aparece todo o equipo de Limia Xestión S. Coop. Galega. Teresa Martínez é a primeira comezando pola esquerda.
 

LIMIA XESTIÓN EN DATOS

Ano de creación: 2000 (transformada en cooperativa no 2010).
Nº de persoas socias traballadoras: 4
Áreas de actividade:
 Consultoría e asesoría administrativa, fiscal e laboral. Está especializada no impulso do emprendemento e a implicación directa en novos proxectos, como o caso de Xpazo.
Web: https://limiaxestion.wordpress.com

 

Xoves, 8 August, 2019 - 10:00

Compartir