Somos a túa voz | Fai que o teu proxecto de economía social resoe

En que consiste?

Desde a Rede Eusumo lanzamos a iniciativa Somos a túa voz, que convida a todas as empresas e entidades da economía social galega a aproveitar as nosas canles de comunicación dixitais para achegar as súas novidades, desde os seus principais proxectos ata calquera tipo de dato ou información que poida ser relevante para proxectar o bo facer da economía social.

O equipo de persoas que conforma a Rede Eusumo analizará cada solicitude para que, no caso de que proceda, se poida escoller a mellor fórmula de comunicalo.

Para quen?

Para empresas e entidades da economía social de Galicia ou doutros territorios, pero sempre que poida ser de interese para o sector na nosa comunidade.

Tamén se publicarán novidades doutras entidades e empresas se o seu contido ou actividades poden ser de relevancia para o sector da economía social.

Que tipo de contido se pode enviar?

Tanto se es unha empresa de economía social que acaba de constituírse, como se acabas de iniciar un proxecto referente na economía social ou tes algo importante que comunicar, a continuación destacamos algúns dos contidos que podemos difundir a través das nosas canles:

  • Constitución dunha nova entidade
  • Proxectos relevantes que unha empresa ou entidade quere dar a coñecer ao sector da economía social
  • Campañas de sensibilización e concienciación sobre a economía social
  • Investigacións académicas sobre a economía social
  • Propostas de intercooperación entre entidades
  • Efemérides de entidades ou empresas de economía social
  • Cambios organizativos en entidades e empresas
  • Procesos de integración entre entidades e empresas
  • Comunicación de resultados económicos
  • Captación de financiamento en procesos que requiran a participación de mecenas
  • Lanzamento de espazos de emprendemento ou aceleradoras empresariais
  • Realización de xornadas técnicas, divulgativas ou de networking
  • Difusión de publicacións, informes ou estatísticas

Por que esta iniciativa?

Tan importante como facer algo ben é contar que o fas. Parece unha afirmación moi obvia e simple, pero a súa aplicación non o é. De feito, un dos maiores retos que teñen as pequenas e medianas empresas actualmente é amplificar a súa mensaxe e chegar aos seus destinatarios en tempo e forma.

Este reto agrándase co desafío da transformación dixital, que converte a Internet no gran escenario no que todas as empresas e entidades do mundo compiten. Dá igual o seu tamaño e características.

Por estes motivos, desde a Rede Eusumo queremos seguir axudando ás empresas e entidades da economía social a reforzar a súa comunicación e difusión para os seus distintos públicos.

Que alcance ten a Rede Eusumo?

Desde a web e plataformas sociais da Rede Eusumo as nosas mensaxes alcanzan a máis dun millón de persoas cada ano. A nosa influencia social no sector é das máis altas que hai no Estado español e somos unha das entidades máis dinámicas e que máis fan por divulgar calquera noticia sobre a economía social.

Onde se pode enviar a información?

Queremos saber de ti! Envíanos as túas novidades ou inquedanzas ao correo electrónico somosatuavoz.ceei@xunta.gal. No correo, indícanos os teus datos de contacto por se precisamos aclarar algún aspecto da túa solicitude.

 

Mércores, 8 Maio, 2019 - 10:00

Compartir