Setembro acolle a 10ª edición do Pont-Up Store

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colabora, como ven sendo habitual nos últimos anos, na 10.ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store, que se celebrará os días 29 e 30 de setembro de 2023 na Praza de España de Pontevedra.

Esta iniciativa ten como obxectivo principal apoiar o incremento da cultura emprendedora a través dun encontro que aposta pola creatividade e o emprendemento para o desenvolvemento tanto persoal como da sociedade en xeral. É un evento multisectorial no que participan proxectos que proceden tanto do ámbito urbano como do rural e que contan cunha gran calidade, xa que todas as candidaturas que recibe a organización para participar neste encontro pasan por un rigoroso proceso de selección.

Na edición deste ano foron seleccionadas 32 entidades para mostrar o seu emprendemento nos expositores gratuítos que están dispoñibles durante os dous días, entre as que se atopan entidades da economía social galega como as cooperativas Donde viven los cuentos o Vic Art Taller Creativo.

Ademais, selecionáronse 7 entidades para participar no “Pont-Up Exprés”, no que cada unha deberá presentar en 5 minutos o seu emprendemento a persoas representantes de entidades galegas e doutras empresas importantes.

Vota unha ollada ao listado completo dos emprendementos seleccionados para esta edición premendo nesta ligazón.

 

Pont-Up Store

O Pont-Up Store xorde froito da cooperación de máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais durante uns días.

Trátase dunha iniciativa promovida polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) e dirixida pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store, que conta co apoio do Concello de Pontevedra, como patrocinador principal, así como da Xunta de Galicia e da Rede Eusumo, entre outros.

 

Fonte: pontupstore.com

 

Martes, 12 September, 2023 - 16:30

Compartir