A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social participou o pasado xoves 8 de setembro na presentación dos resultados do informe “A Economía GIG”

No marco da presentación de resultados deste proxecto europeo “A Economía GIG”, no que toman parte o Concello de Vedra e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, Covadonga Toca puxo en valor o inicio dos traballos dos polos de emprendemento cos que o Goberno galego quere dinamizar as oportunidades laborais nos núcleos rurais máis pequenos e contribuír a asentar poboación nos mesmos.

Tamén aproveitou para destacar que a Xunta de Galicia está a destinar este ano máis de 81 millóns de euros de investimento para favorecer o autoemprego e as fórmulas de economía social, e que Galicia é a comunidade autónoma cunha maior representatividade do colectivo de persoas traballadoras autónomas con respecto ao total de persoas afiliadas á Seguridade Social, o que supón un 20,50% das afiliacións, cunha maior presenza no sector servizos, agricultura e pesca, construción e industria.

Debido a que o traballo autónomo e as microempresas representan o 96,1% da economía galega e que o 78,8% de persoas traballadoras autónomas son individuais, sen persoal ao cargo, estes poderían estar a desenvolver a súa actividade na nova economía denominada GIG, baseada no exercicio laboral por proxectos, xa que tal e como indicaba Toca: "Non é alleo aos autónomos colaborar con outras empresas que externalizan determinadas tarefas, e co seu traballo aportan coñecemento, talento e experiencia” indicaba. Esta fórmula, engadiu, presenta como aspecto positivo, unha maior axilidade ou a minimización de custos para as empresas contratantes.

Nesta mesma liña, Toca subliñou a posta en marcha dos Polos de emprendemento e o apoio ao emprego, que xa iniciaron os seus traballos en Verín e Silleda e que teñen como obxectivo enfocarse na xeración de emprego para afrontar o reto demográfico que supón o envellecemento e o despoboamento en Galicia, o que permitirá establecer poboación nas zonas máis desfavorecidas de Galicia e aumentar as oportunidades de emprego dos seus habitantes.

Esta iniciativa instaurará un total de 12 polos en grandes áreas xeográficas de ámbito comarcal, cos que se buscará fomentar o emprego de calidade a través do emprendemento, fixar poboación grazas a estes proxectos e modernizar a actividade empresarial a través da implantación de medidas innovadoras.

Esta aposta, tal e como describiu a secretaria xeral, enmárcase na estratexia Xempre que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que, entre outras medidas, está a acometer a modernización do servizo de emprego.
 

 

Xoves, 8 September, 2022 - 09:00

Compartir