A Secretaría Xeral de Emprego convida ás entidades de economía social a participar na Feira CULTURGAL os días 1, 2 e 3 de decembro

Un ano máis, a Secretaría Xeral de Emprego promove a participación da Economía Social de Galicia na Feira das Industrias Culturais CULTURGAL, que terá lugar, na súa X Edición, os días 1, 2 e 3 de decembro de 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Para facilitar a presenza da economía social neste evento, a Secretaría Xeral de Emprego invita ás cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción e outras entidades que forman parte deste colectivo, a que participen a través do stand conxunto que poñen á súa disposición. Nel terán a posibilidade de expoñer os seus produtos ou servizos, celebrar reunións de traballo e, como non, acadar alianzas e colaboracións cos outros co-expositores. 
 
A participación no stand é compartida e libre de custos para as entidades, correndo só ao seu cargo os materiais propios para a exposición e o persoal de atención. 
 
As entidades que desexen participar deben comunicar o seu interese no enderezo electrónico da Subdirección Xeral de Economía Social: economiasocial.emprego@xunta.gal , antes do vindeiro 15 de novembro de 2017.

Presentación Culturgal

En 2017 Culturgal Feria das Industrias Culturais celebrarase do día 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra chegando a súa décima edición. 

O equipo da Feira considera que Culturgal xa é unha comunidade. “Está consolidado e establecido no calendario, nun espazo e nunha cidade que é Pontevedra. É un evento de utilidade social no que está testada a alianza entre industria, institucións e públicos e na que se mostran formatos e fórmulas colaborativas entre diferentes axentes”, sinala Manuel Bragado, presidente de Culturgal.

A Feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación. Con nove edicións ás costas “xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal”, apunta Bragado. E seguindo co paralelismo das idades, o presidente de Culturgal reseña que a Feira xa é “adulta” e que debe afrontar novos retos. “Estamos convencidos da necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes. Desde Pontevedra, a cidade na que esta Feira medrou e consolidouse. Sentímonos e percibímonos como unha comunidade, unha comunidade que se construíu ao redor de Culturgal e coa décima edición na cabeza debemos asumir novos retos”, remata Bragado.

Vémonos no 10º Culturgal!

Máis información en: www.culturgal.com 

Venres, 1 December, 2017 - 04:30 to Domingo, 3 December, 2017 - 11:30

Compartir