Santiago de Compostela será a capital da Economía Social no 2022

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, clausurou o pasado venres 18 de febreiro en Madrid o acto de constitución do Consello Estatal para o Fomento da Economía Social, órgano asesor e consultivo do Goberno neste ámbito que instaura unha dinámica de diálogo estruturada e colaborativa entre as diferentes administracións vinculadas á Economía Social.

Todo iso se produce nun momento de especial alento para esta forma de incentivar este modelo produtivo, coa aprobación no pasado mes de decembro na Unión Europea do primeiro Plan de Acción de Economía Social, que sitúa a Economía Social nun lugar destacado da axenda comunitaria.

O Consello asesorará así mesmo ao Goberno na elaboración das futuras medidas a adoptar, como a nova Estratexia Española da Economía Social, as modificacións lexislativas referidas ás cooperativas e empresas de inserción ou o impulso á capitalidade da Economía Social.

A ministra aproveitou a ocasión para anunciar tamén durante o acto que será Santiago de Compostela a cidade que tome a substitución de Teruel como nova capital da Economía Social para o 2022.

"A candidatura da cidade galega á capitalidade foi presentada de forma consensuada polo sector e, sen dúbida, a súa confluencia co Ano Xacobeo, vai ser unha enorme oportunidade para visibilizar a Economía Social española e o seu papel activo para dar solucións innovadoras e sustentables ao reto demográfico", explicou Díaz.

A vicepresidenta tamén adiantou que o próximo 17 de marzo celebrarase en Madrid unha xornada internacional para conmemorar o décimo aniversario da Lei 5/2011 da Economía Social, en colaboración con CEPES.

Para a ministra, a Economía Social é un sector asentado na estrutura produtiva do país, conta cun enorme potencial de innovación e sitúa o traballo decente no centro. Nos últimos anos, e especialmente durante a pandemia, resultou ser clave no mantemento do emprego e polo tipo de servizos que presta. É por iso que debe pasar a ser considerado un dos eixos decisivos para un modelo económico e social máis xusto, inclusivo e sustentable, sobre todo no marco da dobre transición dixital e verde que a sociedade española afronta.

 

Luns, 21 February, 2022 - 18:30

Compartir