Rueda destaca o Grupo Coren como unha das maiores cooperativas agroalimentarias de Europa e un exemplo de innovación e liderado no sector
Ourense, 24 de setembro de 2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou a relevancia do Grupo Coren, galardoado co Premio do Consello Galego de Economistas, como unha das maiores cooperativas agroalimentarias de Europa, que representa un exemplo de innovación e liderado no sector.
Durante o acto de entrega desta distinción, Rueda subliñou a importancia de apoiar os proxectos industriais viables a través de asesoramento, axudas e simplificación administrativa. Neste sentido, fixo referencia a medidas como a Oficina Económica de Galicia, que conta con 100 profesionais para asesorar as empresas, ou a axilización dos trámites administrativos para proxectos estratéxicos.
O presidente galego explicou que a Xunta está comprometida en acompañar este tipo de iniciativas para fomentar o crecemento económico e o desenvolvemento sostible en Galicia e asegurou que o éxito de empresas como o Grupo Coren é un reflexo dos valores da Galicia Calidade, un sinónimo de excelencia que sitúa aos produtos galegos nos mercados internacionais.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración