Rede Eusumo e AGACA imparten na Pastoriza un obradoiro de Comunicación nas cooperativas

Un grupo de persoas socias da cooperativa Terras do Miño participou a mañá do 29 de agosto nun dos Obradoiros de Comunicación que organiza AGACA no marco da Rede Eusumo.

O obxectivo é lograr maior efectividade e produtividade no traballo a través da mellora nos procesos comunicativos.

A cooperativa Terras do Miño (Bretoña, A Pastoriza) acolleu a mañá do 29 de agosto un dos obradoiros do ciclo sobre “Comunicación nas cooperativas” organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) dentro da Rede Eusumo para a promoción da economía social  e o emprendemento. 

O obxectivo da actividade, na que participaron persoas vinculadas ao traballo diario e a administración da cooperativa, é mostrar a importancia da comunicación nas relacións laborais e expoñer maneiras de mellorar os procesos de transmisión de información na cooperativa para contribuír a que logre os seus obxectivos sociais e de negocio.

Cuestións como as linguaxes verbal e non verbal, a expresión corporal, a escoita activa ou a influencia do estado de ánimo do comunicador na súa mensaxe abriron a xornada, impartida por unha técnica de Agaca especializada en coaching. 

Mostrou ademais modos de lograr un clima de empatía no proceso comunicativo, para que falante e oínte se comprendan efectivamente, así como diversos métodos para falar en público.

 Rede Eusumo

Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria. 

 

Mércores, 30 August, 2017 - 10:00

Compartir