Publicado no DOG o novo decreto co que a Xunta axilizará a incorporación de persoas en exclusión social ao traballo en empresas de inserción

O Diario Oficial de Galicia publicou o 3 de novembro o novo decreto que regulará o procedemento para a cualificación de empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo. O obxectivo deste decreto é axilizar a incorporación de persoas en risco ou en situación de exclusión social a estas firmas, o que garantiría a súa empregabilidade.

As empresas de inserción son sociedades mercantís ou cooperativas, cualificadas polas comunidades autónomas para realizar unha actividade económica co obxecto social de integrar e formar no eido sociolaboral a estas persoas en situación de vulnerabilidade.

Este novo marco,  establece mecanismos novidosos de rexistro das firmas desta tipoloxía e os procedementos para a súa acreditación. e senta as vías de coordinación entre os servizos sociais públicos e o servizo de emprego de Galicia, para mellorar a incorporación de persoas traballadoras. 

A partir de agora, as empresas de inserción deberán proporcionar formación específica ás persoas traballadoras coas que formalizan un contrato, nunha actividade profesional que lle outorgue competencias necesarias para o seu desenvolvemento profesional no futuro.

Coa entrada en vigor deste novo decreto o próximo 23 de novembro, este proceso será máis áxil, xa que outorgará validez ás valoracións da situación de exclusión realizadas polos servizos sociais nos seis meses anteriores á incorporación e considerará acreditada esta condición cando a persoa beneficiaria ou algún membro da unidade de convivencia perciban a renda de inclusión social de Galicia (Risga).

En 2023, a Xunta de Galicia revalidará o Plan Emprega Discapacidade Exclusión Social ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dotará de 44,5 millóns de euros (4,5 millóns máis que en 2022) co obxectivo de dar acceso preferente aos programas e apoios a máis de 5.800 persoas, demostrando desta maneira o compromiso do Goberno galego coa formación e empregabilidade das persoas en risco ou en situación de exclusión social.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Mércores, 9 November, 2022 - 09:00

Compartir