Preguntas frecuentes sobre as axudas APROL-economía social e os ERTES ou ceses de actividade pola COVID-19

O Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, estableceu a posibilidade de acollerse a expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) ou a cese de actividade derivados da situación provocada pola pandemia da covid-19. Estas medidas foron sucesivamente modificadas ou prorrogadas por normas posteriores.

A continuación recóllense algunhas respostas relativas aos efectos que estas medidas poden ter sobre as axudas do programa APROL-economía social para o emprendemento colectivo en cooperativas ou sociedades laborais.

Podo solicitar a axuda pola incorporación como persoa socia a unha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral se estou afectada por un ERTE noutra empresa?

Salvo excepcións (que a persoa socia traballadora sexa traballadora ou socia a proba da cooperativa á que se incorpora), para ter dereito ás axudas APROL hai que estar en situación de desemprego. Unha persoa que está en ERTE non está desempregada, segue tendo contrato de traballo en vigor, aínda que estea en suspenso. Polo tanto, non cumpre os requisitos para acceder ás axudas.

Se a miña cooperativa ou sociedade laboral percibiu unha axuda APROL economía social e debido á covid-19 aplicou un ERTE ou cesou a actividade, como lle afecta á hora de considerar cumprida a obriga de mantemento de actividade e emprego durante dous anos?

O tempo de ERTE ou cese de actividade motivado pola covid-19 considérase tempo traballado para os efectos de entender cumprida a obriga de mantemento da actividade e do emprego durante dous anos.

Se teño unha axuda concedida pola incorporación a xornada completa e, logo dun ERTE motivado pola covid-19 incorpórome con redución de xornada, afecta isto á axuda concedida?

O ERTE derivado da covid-19 considérase tempo de traballo para os efectos de entender cumprida a obriga de mantemento do emprego. Este criterio aplícase tanto se o ERTE implica suspensión da actividade como se implica redución da xornada. É dicir, se se subvencionou unha incorporación a tempo completo e a persoa entrou nun ERTE de redución de xornada, iso non implica incumprimento e non ten que devolver parte da axuda. Do mesmo xeito, se unha persoa afectada por un ERTE de suspensión de actividade se reincorpora a tempo parcial, segue entendéndose que non existe incumprimento.

Se logo dun ERTE motivado pola covid-19 a reincorporación das persoas socias ao traballo é progresiva ao logo dos seguintes meses, existe algún incumprimento das obrigas por parte da entidade?

Non. O feito de que as persoas en ERTE se reincorporen todas á vez ou de xeito progresivo non inflúe, pois para cada persoa individualmente hai que ter en conta o tempo transcorrido desde a data na que se incorporou como persoa socia.

Unha entidade, unha vez rematado o ERTE por forza maior, pasa a compatibilizar a actividade con situacións legais de desemprego por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. Como afecta isto á percepción das axudas?

Tanto se o ERTE derivado da covid-19 é por forza maior como se é por circunstancias económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP), aplícase o mesmo criterio: o tempo en ERTE considérase como tempo traballado para os efectos de considerar cumprida a obriga de mantemento de emprego. Do mesmo xeito, se un ERTE por forza maior se transforma nun ERTE por causas ETOP mantense o mesmo criterio.

Polo contrario, se logo dun ERTE ou un cese de actividade derivado da covid-19 a persoa pasa á situación de desemprego, a partir dese momento considérase que non se está a cumprir a obriga de mantemento do emprego e procedería o reintegro da totalidade ou parte da axuda.  

Se a entidade entrou en situación de ERTE antes de ter concedida a axuda, como lle afecta á súa solicitude?

O feito de que a persoa que se incorpora como socia estea afectada por un ERTE non afecta á concesión da subvención.

Que consecuencias pode ter a aplicación dun ERTE nunha entidade que recibiu unha axuda pola incorporación dunha persoa socia a proba?

A suspensión da actividade laboral por causa do ERTE derivado da covid-19 non se considera incumprimento da duración mínima do período de proba. O tempo de suspensión non é subvencionable, pero o importe da subvención concedida poderase imputar aos meses que restasen por cumprir, ata o máximo de 12, se unha vez reanudada a actividade se mantén a condición de persoa socia a proba.

Se o ERTE implica redución de xornada, esta dará lugar á redución da subvención durante o período ao que afecte.

 

Xoves, 13 August, 2020 - 13:00

Compartir