Pont-Up Exprés en liña o 19 de novembro

O Pont-Up Exprés celébrase este ano nun evento en liña o vindeiro 19 de novembro ás 19:30h e será emitido en directo dende a súa canle de YouTube onde poderedes coñecer os emprendementos participantes e enviar as vosas preguntas.
Serán sete emprendementos innovadores made in Galicia os que someteranse ao xurado do Pont-Up Exprés.

As 7 startups galegas seleccionadas nesta edición son:
THE GOOOD SHOP, tenda online multimarca de moda, accesorios e decoración producidos de forma ética, sostible e de proximidade.
ANAINAS SKIN PEACE, alta cosmética orgánica.
VIVEGREENS, cultivo e venda de microbrotes.
ERTHA SURFBOARDS, deseño, fabricación e comercialización de artículos sostibles para o surf.
SMARTWOOD, ferramenta orientada á mellora da productividade e o rendemento de explotacións agrícolas e forestais.
VERSOS DE A RUDA, fabricación e distribución de repostería fresca en racións.
O GALPÓN LAB, asociación sen ánimo de lucro de artistas emerxentes que nace para promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito pontevedrés
 
Cada unha das sete candidaturas seleccionadas nesta edición deberá presentar o seu negocio en 5 minutos a un xurado, que vai estar integrado por:

  • Virginia Pozo Castro, licenciada en Dereito e Ciencias do Traballo e cun máster Abogacía e Asesoría Xurídica, comezou a súa carreira no sector da banca, traballando nun gabinete xurídico. En 2011 decidiu cambiar de rumbo para inaugurar a firma Coosy en Pontevedra, buscando potenciar un espazo onde atopar prendas e accesorios seleccionados en todo o mundo. Actualmente, Coosy conta con 21 puntos de venda propios e asociados en España, tendas multimarca e, dende finais de 2017 ten gran presenza internacional (Italia, Francia, Irlanda, Canadá, Xapón, Arabia Saudí…).
  • Emilio Bruquetas Serantes. Licenciado en Ciencias Empresariais e máster en Administración e Dirección de Empresas. Comezou a súa carreira profesional como consultor de sistemas de información en diversas empresas de tecnoloxía ata 2001, cando se incorporou a Reganosa como xefe de Planificación e Control de Xestión. En marzo de 2012 foi nomeado director xeral da compañía, cargo que desde finais de 2017 ocupa tamén na matriz do grupo enerxético galego: Reganosa Holdco.
  • Margarita Hermo Figueira, con formación en Relacións Públicas e en Ciencias Políticas, así como en xestión de empresas familiares (EAE Business School, Instituto de Empresa, entre outros), ten colaborado con diferentes entidades públicas e privadas vencelladas ao desenvolvemento social e económico da Ría de Arousa. En 2003 incorpórase ao departamento de marketing da conserveira Jealsa Rianxeira, S.A o que a leva a colaborar e finalmente dirixir a Asociación Gallega da Empresa Familiar ata a actualidade, cargo que compaxina coa dirección de Relacións Institucionais da Corporación Empresarial Jealsa.
  • Ángel González Calvo, enxeñeiro técnico industrial autor de numerosos proxectos de empresas industriais, funcionario de carreira e fundador e CEO de SETGA dende 1990. SETGA, con sede en Pontevedra, é unha compañía internacional baseada na innovación e no alto valor tecnolóxico, especializada en iluminación, sinalización e mobiliario urbano. Combina a súa experiencia co deseño, luminotecnia e electrónica, conta con presenza en 15 países e está a desenvolver ata 27 proxectos de I+D.

O Pont-Up Exprés é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra que forma parte do programa xeral do Pont Up Store.

 

Xoves, 19 November, 2020 - 19:30

Compartir