A PANADARÍA: “Os valores da cooperativa encaixan perfectamente co que nós somos”
Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman forman A Panadaría, unha compañía de teatro que botou a andar no ano 2013 e que se constituíu despois como cooperativa, ao comprobar as tres que a fórmula encaixaba á perfección cos seus principios e organización asemblearia. Falamos con Ailén Kendelman da compañía, que chamaron A Panadaría porque amasa un teatro de creación propia e cocción lenta para alimentar corpo e alma. As tres levan xa catro anos triunfando por España coa obra Elisa e Marcela e están a buscar os ingredientes para amasar o próximo espectáculo.
-Sobre A Panadaría: como confluíron os vosos camiños?
-Foi a través da Escola Superior de Arte Dramática, que está en Vigo. Areta e Noelia coincidiron porque ían xuntas na clase. Cando elas remataban, xusto comecei eu. Cruzámonos, como quen di... Fixemos unha lectura dramatizada para a MiT de Ribadavia e foi aí onde nos coñecimos. E naceu o amor! Comezamos a facer cousiñas, probar algunhas esceas... o primeiro que xurdiu foi o que logo sería PAN!PAN!. Era unha peza breve, de quince minutos, pero cando saíu a convocatoria de Xuventude Crea decidimos ampliala, porque como mínimo tiña que durar 45 minutos. E así comezamos!
-Pois foi chegar e triunfar, porque con PAN!PAN! choveron os premios: Premio Xuventude, Premio da Crítica Galicia 2015 e para Areta Bolado o María Casares de Interpretación. Foi o que vos animou a seguir xuntas?
-Si, a verdade é que comezamos polo pracer de facer teatro. De feito, faciamos o PAN!PAN! en bares, non tiñamos unha ambición de pensar “queremos ser unha compañía”. Pero si que o premio Xuventude Crea nos fixo reformular a cousa. Deunos o impulso de facernos profesionais. O triunfo foi unha sorpresa, e tamén foi unha responsabilidade, porque xa pensas que tes que facelo ben, que dar o talle.
-Levades xa tres espectáculos, propostas diferentes nas que o humor parece ser o fío condutor. Nestes momentos estades con Elisa e Marcela, coa que recollestes excelentes críticas por certo. Cales son os vosos plans máis inmediatos?
-Depois de PAN!PAN! veu Panamericana e agora estamos con Elisa e Marcela, si. Nós facemos máis cousas, por exemplo recitais de poesía, diriximos as galas dos Premios da Música e dos Martin Códax, fixemos vídeos... temos diferentes actividades á marxe do puramente teatral. Pero si, agora con Elisa e Marcela imos polo cuarto ano de xira. Non esperabamos, nin é habitual, estar tanto tempo, o máis normal é xirar cun espectáculo dous anos. Pero claro, foi o primeiro espectáculo co que saímos de Galicia. Comezamos a percorrer o estado español e estamos encantadísimas. É moi boa a acollida.
-Tedes xa á vista algunha outra montaxe?
-A verdade é que nós somos de cocción lenta. Levamos oito anos e fixemos tres espectáculos, cando moitas compañías fan un cada ano... pero somos así! Estamos pensando no próximo espectáculo, si. Queremos facer algo que sintamos que é necesario para a sociedade, visibilizar historias ou formas de vida inxustas... estamos buscando a temática, pero temos claro que o que queremos é “contar”.
-Falabamos antes do humor, cales dirías que son as vosas marcas diferenciais?
-O humor, si, tamén unha perspectiva feminista, desde o principio. E a música, o uso de todas as ferramentas que temos como actrices -a voz, o corpo...- e tamén o ir construíndo o espazo escénico coas aportacións do público. Partindo dun espazo baleiro, no que aparentemente non ves nada, imos facendo un salón do far west, ou unha igrexa, por exemplo. É un xogo para crear conxuntamente.
-Que vos levou a elixir a fórmula cooperativa?
-Nós ao comezo puxémonos de autónomas, pero non tiñamos unha sociedade constituída. A verdade que coa cousa de facer espectáculos, funcións... sempre estabamos moi ocupadas e non tiñamos nin tempo de pararnos a pensar en que tipo de sociedade queriamos constituír. Pero realmente sempre nos movemos nos valores do cooperativismo, sempre fomos moi asemblearias na toma de decisións... así que cando por fin nos paramos a pensar en que camiño coller, vimos que os valores da cooperativa encaixan perfectamente co que nós somos e tivémolo moi claro.
-Que vos aporta ser unha cooperativa? Pensades que este modelo ten vantaxes para enfrontar crises como a actual?
-O feito de que as tres temos o mesmo interese e a mesma necesidade de que os proxectos saian adiante. Noutros formatos igual a xente que está por debaixo non ten o mesmo impulso, por exemplo. Iso é moi importante para nós, significa que somos corresponsables cara a facernos cargo cada unha do que lle toque coa mesma vontade de que todo saia ben. Ao estar todas implicadas, todas entendemos que se hai un mal momento, pois temos que axustar, e cando vai mellor pois se recuperan os cartos. Estamos no mesmo barco.
-A cultura é un sector especialmente golpeado pola pandemia. Cal foi a vosa experiencia, e como esperades que evolucione a situación?
- En marzo do ano pasado todo quedou cancelado. Estivemos de marzo ata agosto sen actuar, e no noso caso vivimos de actuar. Foi unha situación bastante límite. Obviamente cando estivemos confinadas era lóxico, non podía ser doutra maneira, pero si que vimos despois como se producían algunhas cancelacións sen que se soubera moi ben por que, a poucos días da data da función... Parece que a cultura non se ve como unha profesión, como un sector do que vive a xente... Botamos en falta que se considere como un sector económico, que crea emprego, non só no eido creativo, tamén hai moitos técnicos, por exemplo. Que nos dean o valor que temos. Que recorden todo o que nos regalaron as persoas músicas, por exemplo, cando estivemos confinadas na casa e o importante que foi. E todos os protocolos de seguridade, hixiene son brutais nos teatros. De feito non consta ningún contaxio nun teatro.
A PANADARÍA EN DATOS
Ano de creación: 2020
N.º de persoas socias e/ou traballadoras: 3 persoas
Área de actividade: teatro, espectáculos.
Web: https://apanadaria.com/