Ordes promove a educación cooperativa entre o alumnado de secundaria a través do programa "Creamos a nosa cooperativa"
Máis de 50 estudantes e docentes participaron na xornada Mostramos as nosas cooperativas que se celebrou na Casa da Cultura de Ordes. Un evento que forma parte do programa educativo Creamos a nosa cooperativa, impulsado pola Mancomunidade de Ordes e financiado pola Xunta de Galicia, a través da Rede Eusumo.
Durante a primeira parte da xornada, o alumnado dos centros IES Maruxa Mallo, IES Nº 1 Ordes, IES Oroso, CPI Xanceda e CPI de Viaño Pequeno presentaron os proxectos cooperativos que desenvolveron durante as sesións do programa.
Na segunda parte interveu a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que destacou a importancia de aproveitar o talento emprendedor da mocidade galega para fortalecer o tecido empresarial e social de Galicia. Tamén participou a presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García, que enxalzou os proxectos cooperativos desenvolvidos polos estudantes dos distintos centros.
O programa ten como obxectivo promover a educación cooperativa e incentivar aos estudantes a desenvolver proxectos de emprendemento social que poidan contribuír ao desenvolvemento económico e social de Ordes, unha comarca que conta con 29 das 1145 cooperativas activas que existen na nosa comunidade autónoma.
A Xunta continúa promovendo a economía social entre a mocidade galega a través de programas como Aprol Economía Social, que busca aumentar o emprego en cooperativas, aportando un incentivo adicional do 25 % no caso das cooperativas xuvenís. Tamén se convoca anualmente o programa ES-Transforma, para converter negocios sen relevo xeracional en cooperativas ou sociedades laborais e no que se brinda apoio adicional ás persoas mozas.
Fonte: Xunta de Galicia