O proxecto europeo Sudoe Agrosmart Global suma 200 contactos comerciais para adquirir no exterior produtos de cooperativas galegas

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na clausura en Cenlle (Ourense) do foro final de resultados do proxecto europeo Sudoe Agrosmart Global.

Trátase dunha iniciativa, que en Galicia está liderada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentaria (Agaca) co apoio da Xunta de Galicia, que naceu co obxectivo de impulsar o comercio internacional das cooperativas e pequenas empresas agroalimentarias e que situou a nosa comunidade nun proxecto internacional, da man de cooperativas de Portugal e Francia e das comunidades de Castela León, País Vasco e A Rioxa.

Parte da actividade deste proxecto centrouse na consecución de contactos comerciais directos de compradores, especialmente de China e de EEUU que, no caso das firmas galegas, acadaron os 200. Tamén conseguiu chegar a 30 entidades, que participaron nalgunha das actividades do proxecto, e permitiu posicionar máis de 50 produtos en tres plataformas dixitais de vendas (marketplaces).

Toca puxo en valor a importancia do programa para “favorecer e protexer o posicionamento dos produtos agroalimentarios nos mercados dixitalizados” e sinalou que a Xunta está a impulsar o cooperativismo como “fórmula comprometida co entorno, a innovación e co medio rural, xeradora de emprego estable e de calidade e coa que se fixa poboación no rural”.

A Xunta de Galicia seguirá apoiando a economía social durante o 2023, destinando 42 millóns de euros a este modelo, o que equivale ao 20,8 % do orzamento mobilizado no 2022, e darase continuidade as iniciativas Es-Factory, Es-Transforma e Es-Próxima.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Martes, 14 February, 2023 - 09:00

Compartir