O programa Aprol Economía Social beneficiou a máis de 300 persoas e 150 empresas no 2022
Durante o 2022, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu apoio financeiro a 153 cooperativas e sociedades laborais e a 310 persoas a través do programa Aprol Economía Social. Co obxectivo de fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, a Xunta investiu máis de 4,7 millóns de euros nestes apoios.
Este programa conta con dúas liñas de axudas: unha primeira, para que as cooperativas e sociedades laborais contraten a persoas desempregadas e á que se destinaron máis de 2,5 millóns de euros no 2022; e unha segunda, para persoas que se incorporen como socias mediante contrato indefinido ou como autónomas, para a que se investiron máis de 2,1 millóns de euros o pasado ano.
A convocatoria para 2023 segue aberta ata o 15 de setembro e a cantidade base da axuda é de 6000 euros, cun aumento do 25 % para quen presente dificultades de acceso ao mercado laboral. Ademais, como novidade, este ano ofrécese un 25 % extra para cooperativas de nova creación con 4 ou máis socios.
Desde o ano 2017, a Xunta de Galicia investiu máis de 22,6 millóns de euros neste programa, permitindo a incorporación de máis de 5700 persoas a cooperativas e sociedades laborais.
Fonte: Xunta de Galicia