O Pemento do Couto, un produto "digno de ensalzar" con Indicación Xeográfica Protexida (IXP)

O Consistorio de Narón en colaboración coa citada cooperativa local do Val, impulsaron unha campaña  de promoción do Pemento do Couto cuxa finalidade “é dar valor a este produto, con Indicación Xeográfica Protexida (IGP), incrementando o seu valor engadido e tamén destacando as posibilidades que ofrece a súa produción”.

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, explicou que a campaña consiste na instalación de cinco valas publicitarias do pemento do Couto en diferentes localizacións do termo municipal:

  1. estrada de Castela- Piñeiros
  2. estrada de Castela-Puente das Cabras
  3. Centro Comercial Odeón
  4. Polígono da Gándara-rotonda de Alcampo
  5. estrada de Catabois-dirección Arquitecto Marcide e zona de Parque Ferrol

Ademais, na Cooperativa do Val e noutros puntos, repartiranse dípticos informativos sobre a historia dos pementos do Couto e coa receita tradicional e tamén bolígrafos.

O pemento do Couto, tal e como declarou a xerente da Cooperativa do Val, Marta Vázquez, supón “dunha fonte de ingresos para moitos produtores e produtoras, a maioría vinculados á cooperativa do Val pero hai máis”. Tamén destacou que é “un dos mellores produtos da zona, un pemento doce, con IXP propia e que enxalza a economía de proximidade desde un punto de vista importante porque se xera na zona desde o inicio”. Na actualidade, a produción está no seu pico máximo. “Comercializamos de xuño a setembro e este ano hai moita produción, polo que contamos dobrar as vendas do pasado ano”, indicou Vázquez. Finalmente, o concelleiro de Promoción Económica mostrou a súa confianza en que a campaña de promoción dea os resultados esperados e avanzou que “desde o Concello seguiremos impulsando iniciativas como a que hoxe presentamos porque consideramos que son moi importantes para poñer en valor este tipo de produtos”.

 

Mércores, 4 August, 2021 - 12:30

Compartir