O evento "Pop Up Galicia Calidade - Saberes e Sabores" celebraráse en Madrid do 30 de abril ao 10 de maio

A Fundación Pública Artesanía de Galicia organiza por cuarto ano consecutivo o evento POP UP GALICIA CALIDADE - SABERES E SABORES no Palacio de Santa Bárbara en Madrid do 30 de abril ao 10 de maio de 2020.
Os obxectivos do evento son:
1. Ofrecer unha imaxe coidada da Artesanía de Galicia e os nosos artesáns unida a produtores de alimentación co obxectivo de crear un espazo de calidade do produto galego.
2. Será un evento de venda directa dirixida ao público en xeral e con accións concretas dirixidas a posibles prescriptores de artesanía, decoración, alimentación, cociñeiros e prensa especializada.
3. Co fin de crear un programa que complemente o evento, levaranse a cabo diferentes accións promocionais como presentación de produtos, demostracións, talleres, promocións turísticas, catas, showcookings con cociñeiros galegos, accións dirixidas ao público especializado e tamén aos máis cativos.
O Palacio de Santa Bárbara, de máis de 300 metros cadrados, está dividido en varios espazos:
1. A Fundación disporá dun espazo propio de promoción e venda de Artesanía de Galicia.
2. A Fundación ofrecerá aos obradoiros seleccionados e as empresas de produtos alimentarios un espazo para que presenten os seus produtos persoalmente destinados á venda directa. O espazo consistirá nun coidado marco expositivo no que se habilitará unha mesa de piñeiro alistonado de 180x80x90 cm e un caixón de 40x40x20 cm para cada obradoiro.
3. No espazo exterior do Palacio se disporá do espazo BAR.
Os custes dos espazos para os obradoiros son os seguintes:
- Para os obradoiros de Artesanía de Galicia:
Do 30 de abril ao 5 de maio: 300 euros + IVE.
Do 6 de maio ao 10 de maio: 300 euros + IVE.
Do 30 de abril ao 10 de maio: 400 euros + IVE.
- Para os produtores de alimentación e outros:
Do 30 de abril ao 5 de maio: 350 euros + IVE.
Do 6 de maio ao 10 de maio: 350 euros + IVE.
Do 30 de abril ao 10 de maio: 450 euros + IVE.
A Fundación seleccionará os participantes baseándose en criterios de calidade e harmonía do conxunto. Os expositores seleccionados comprometeranse a cumprir integramente o horario establecido nas xornadas, xoves 30 de abril de 17:00 a 21:30 h, de luns a xoves de 12:30 a 21:30 h, venres e sábado de 12:00 a 22:00 h e os domingos de 12:00 a 21:30 h e a manter en todo momento unha imaxe do seu espazo acorde coa imaxe xeral do evento. Permitirase que ata o máximo de dúas empresas compartan mesa, sempre que se comprometan a ter á venda os produtos das dúas empresas. Por último, o expositor limitarase ao espazo facilitado pola organización; No caso de pezas de gran volume o expositor deberá solicitar permiso por adiantado á organización, indicándoo na solicitude de participación.
No sector de artesanía poderán participar os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e que conten co uso da marca. Deberán ter visible en todo momento a cartela identificativa oficial.
Se estás interesado en participar nesta nova edición, tes que remitir esta solicitude asinada á Fundación ao correo electrónico centro.artesania@xunta.gal antes do 12 de febreiro de 2020.
Para máis información, podes consultar o dossier aquí con toda a información que precisas coñecer.
Para máis información: 881999175 / 616004083