O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria 2022-2023 da Rede Eusumo
A Xunta apoia este ano con preto de 700.000 euros o labor dunha trintena de entidades que forman parte da Rede Eusumo, unha iniciativa do Goberno galego para impulsar iniciativas de economía social e que cumpre dez anos. A resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) informa de que para a convocatoria 2022-2023 o investimento incrementouse un 7,7% máis que en 2021, co que se financiarán máis de 200 actividades de promoción da economía social.
A novidade da convocatoria deste ano foi que se tivo en conta como criterio de valoración específico o feito de que as actividades formativas estivesen dirixidas ao emprendemento na economía social para persoas menores de 30 anos. Ademais, incentivouse a participación nas solicitudes conxuntas coas asociacións de entidades de economía social e coas universidades.
No eido da economía social, a Administración autonómica conta con diferentes programas de axudas para os cales o prazo de solicitude segue aberto ata o próximo 30 de setembro: o programa Aprol Economía Social, as axudas a empresas de inserción e os bonos Consolida e Es-Transforma.
A Administración galega apoia, por outra banda, a unhas 13 empresas de inserción na contratación de persoas en risco de exclusión social, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos. Ademais, esta iniciativa inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.
A Xunta segue a reforzar deste modo a economía social en Galicia, que continúa a crecer con 174 entidades constituídas en 2021. Esta fórmula ten demostrado sobrada capacidade para xerar emprego tendo un papel destacado na economía galega, xa que representa o 7% do seu PIB.