Acordo do Consello Galego de Cooperativas

O pasado 7 de abril de 2020, a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas  acordou autorizar ás cooperativas galegas, ao abeiro do artigo 68.2.f) da Lei 5/1998, do 18 de decembro de cooperativas de Galicia, a poder destinar o Fondo de Formación e Promoción Cooperativa á promoción social da comunidade, exclusivamente durante o exercicio 2020, para atender necesidades derivadas da pandemia orixinada polo COVID-19.

Debido ás circunstancias especiais nas que se atopa actualmente Galicia e España con motivo da Pandemia COVID-19, diversas cooperativas trasladaron a súa intención de contribuír a atender e minorar as incidencias do COVID-19 na comunidade do seu entorno, con medidas como a doazón de cartos ou de material sanitario, axudas a institucións do ámbito sanitario e asistencial; axudas a organismos que traballen para erradicar esta pandemia ou calquera outra acción de índole semellante que poda axudar a paliar os efectos derivados do COVID-19.

O artigo 68 da Lei de cooperativas de Galicia, no apartado 2, punto f), establece que as cooperativas de crédito poderán destinar o Fondo de Formación e Promoción Cooperativa á promoción cultural, profesional e social da comunidade en xeral; mentres que as restantes cooperativas precisarán da autorización previa do Consello Galego de Cooperativas.

Ante a situación na que nos atopamos, o Consello Galego de Cooperativas acordou autorizar, temporal e excepcionalmente, a todas as cooperativas do ámbito autonómico a usar o Fondo de Formación e Promoción Cooperativa para estes fins, unicamente durante o exercicio 2020. En calquera caso, o uso do Fondo deberá facerse en aplicación das liñas básicas fixadas polos estatutos ou pola asemblea xeral das cooperativas.

Para consultar a resolución publicada no DOG preme aquí.

 

Luns, 20 April, 2020 - 09:30

Compartir