O alumnado do CEIP Cardenal Quiroga Palacios aprende a comer e cooperar

50 estudantes de cuarto de primaria do colexio compostelán Cardeal Quiroga Palacios participaron este mércores nunha edición de “Almorzos Cooperativos”, un ciclo de obradoiros que promoven a alimentación sa para manter a boa saúde e dan énfase ao rol das cooperativas na produción alimentaria.
A nutricionista María Fernández recalcou a importancia dun almorzo nutritivo, recomendou reducir os alimentos procesados, incluír froitas de tempada, produtos lácteos e diferentes combinacións equilibradas e sas, dende torradas de salmón afumado con queixo ata de aguacate con ovo. Como exemplo, realizouse unha degustación de leite, mandarinas e pan con aceite.  

O concepto de coperativismo explicouse mediante xogos deseñados para promover a colaboración entre participantes e para reforzar o aprendido repartiuse material didáctico sobre produción alimentaria e nutrición.

Alba Paz Boubeta, subdirectora xeral de Economía Social, xunto con José Montes, presidente de AGACA, visitaron este obradoiro sobre alimentación e cooperativismo organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias e que está no marco da Rede Eusumo.

Por outra parte, AGACA e Rede Eusumo promoven concurso de microrrelatos dirixido a escolares de segundo ciclo de primaria. O seu obxectivo é fomentar a escritura e o interese polo cooperativismo e pola produción de alimentos, a agricultura e o medio rural. Os centros educativos públicos de Galicia interesados en participar poden consultar as bases en www.agaca.coop ou chamando ao 981 584 783.

 

Venres, 6 March, 2020 - 20:45

Compartir