Novidades lexislativas que afectan á lei de cooperativas de Galicia

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas
O 29 de xaneiro de 2021 publicouse no DOG a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, que modifica determinados aspectos da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.
Esta modificación ten como finalidade flexibilizar o desenvolvemento das reunións das asembleas, habilitando diversos mecanismos ou ampliando os existentes, para garantir que, ante a ausencia de previsións estatutarias ao respecto, estas reunións se poidan realizar en condicións de seguridade fronte á covid-19.
Estes mecanismos son os seguintes:
- A realización das reunións por medios telemáticos, sempre e cando todas as persoas que deban ser convocadas teñan posibilidade de acceso. Na convocatoria determinaranse os prazos, as formas e os modos de exercicio dos dereitos por parte das persoas que asistan telematicamente á asemblea.
- A participación por medio de terceiras persoas, ben sexa por designación de representante ou mediante asembleas de delegados/as. O número de persoas socias que pode representar unha mesma persoa representante amplíase a dez.
- A realización das reunións en localidades distintas á do domicilio da cooperativa, cando nesta non exista un local que permita o normal desenvolvemento da asemblea en condicións de seguridade.
- A non exixencia de quorum en segunda convocatoria, unicamente durante o 2021.
Por outro lado, amplíanse os prazos para a adopción de acordos e prorróganse os nomeamentos que deberan ser renovados logo da declaración do estado de alarma, co fin de permitir o normal funcionamento das cooperativas que non puideron levar a cabo as súas asembleas por mor das restricións impostas para evitar a expansión da pandemia.
Estas medidas son aplicables directamente desde o 30 de xaneiro de 2021, data da entrada en vigor da lei, sen necesidade de que as cooperativas adapten os seus estatutos.
Non obstante, cando se pretenda modificar os estatutos estes deberán adaptarse ao novo texto legal.
O texto íntegro da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, pode consultarse aquí.
O texto consolidado da Lei /1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, xa dispoñible na asesoría virtual de cooperativas, pode consultarse aquí.
Por último, podes consultar máis información sobre as reunións da Asemblea Xeral de cooperativas aquí.