NOVAS DISPOSICIÓNS PARA COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS (Artigos 13 e 14 do Real decreto-lei 15/2020)
UTILIZACIÓN DO FONDO DE FORMACIÓN E PROMOCIÓN COOPERATIVA
O Real Decreto - lei 15/2020, do 21 de abril, de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego, establece no seu artigo 13 que, como medida extraordinaria, durante o ano 2020 o Fondo de Promoción e Educación das Cooperativas regulado no artigo 56 da Lei estatal 27/1999, do 16 de xullo, de Cooperativas, poderá destinarse total ou parcialmente a:
- Recursos financeiros para dotar de liquidez á cooperativa en caso de necesitalo para o seu funcionamento.
Se se emprega para este fin, o fondo deberá ser restituído pola cooperativa cun mínimo do 30% dos resultados de libre disposición que se xeren cada ano, ata que alcance o importe que tiña o dito fondo e nun prazo máximo de 10 anos. - Calquera actividade que axude a frear a crise sanitaria do COVID-19 ou a paliar os seus efectos, ben mediante accións propias ou ben mediante doazóns a outras entidades, públicas ou privadas.
Durante a vixencia do estado de alarma o Consello Reitor asumirá a competencia para aprobar a aplicación do Fondo de Educación o Promoción, cando por falta de medios adecuados ou suficientes a Asemblea Xeral das sociedades cooperativas non poida ser convocada para a súa celebración a través de medios virtuais. Se a celebración virtual non é posible por falta de medios adecuados ou suficientes, esta competencia do Consello Reitor estenderase ata o 31 de decembro de 2020.
Cando o Fondo de Formación e Promoción Cooperativa se destine a estas finalidades non se aplicarán os artigos 13.3 e 19.4 da Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre Réxime Fiscal das Cooperativas. Polo tanto, esta utilización non suporá a perda da condición de cooperativa protexida, e o uso deste fondo para mellorar a liquidez non terá a consideración de ingreso para a cooperativa.
Estas disposicións son aplicables ás cooperativas galegas en virtude do disposto na disposición adicional terceira da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de Cooperativas de Galicia, que declara aplicables os beneficios fiscais, arancelarios e de calquera outra índole establecidos na lexislación cooperativa estatal.
Hai que lembrar que, no ámbito galego, a utilización deste fondo para a promoción social da comunidade, para atender necesidades derivadas da pandemia, xa fora autorizado polo Consello Galego de Cooperativas ao abeiro do artigo 68.2.f) da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de Cooperativas de Galicia.
PRAZO DE REGULARIZACIÓN DAS SOCIEDADES LABORAIS CONSTITUÍDAS CON DÚAS PERSOAS SOCIAS
O mesmo Real Decreto - lei 15/2020, do 21 de abril, no seu artigo 14 prorroga por 12 meses máis o prazo de 36 meses do que dispoñen as sociedades formadas por 2 persoas socias traballadoras indefinidas para incorporar unha 3ª persoa socia e axustar a titularidade de accións ou participacións ao máximo dunha terceira parte do capital social por cada unha delas (tal e como se define no artigo 1.2.b) da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de Sociedades laborais e participadas).
Esta prórroga será aplicable exclusivamente ás sociedades laborais constituídas durante o ano 2017.