Nós en Esteiro: “Na cociña primamos a calidade, procuramos que os estudantes coman como na casa”

A economía social é un camiño pouco transitado na hostalería e a restauración. En Galicia só un 3% das sociedades cooperativas en activo pertencen a este sector de actividade, isto a pesar de que a importancia do factor humano neste traballo cadra moi ben coa filosofía deste modelo empresarial . Nós en Esteiro, a cooperativa que xestiona a cafetería do campus universitario de Ferrol, é unha delas.

Eva Freire, José Manuel Parada e Joaquín Chica son os tres socios traballadores da cooperativa Nós en Esteiro, que nestes momentos conta con outros tres empregados. A punto de cumprir cinco anos, fan balance do seu percorrido.

Segundo recordan, a Universidade da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocaron no ano 2015 un concurso de proxectos para xestionar o servizo de cafetería do campus ferrolán de Esteiro, que daquela levaba máis dun ano pechado. Ambos os dous organismos conviron a necesidade de garantir un traballo profesional ao tempo que impulsaban o emprendemento. A fórmula elixida foi a cooperativa: era condición indispensable que o proxecto presentado incluíra a creación dunha sociedade deste tipo.

Aos que finalmente se proclamaron como gañadores do certame, a proposta colleunos aínda matriculados ou recén rematados os estudos de hostalería no IES Fraga do Eume, un centro ao que chegaran na procura dunha nova saída laboral nos peores anos da crise. A convocatoria xuntou os camiños destas tres persoas, que apenas se coñecían de antes, nunha aventura empresarial que, á vista da boa sona que ten o seu establecemento, foi todo un éxito.

Cónstanos que contastes coa axuda e o apoio da Rede Eusumo para poñer en marcha o voso proxecto, como lembrades aquel comezo?
Contamos tamén con algunha axuda para artellar o proxecto do IES de Barallobre e do instituto Rodolfo Ucha... pero tivemos que currar moito, o certo é que cando gañamos houbo que poñerse a toda velocidade, porque isto tiña que abrir en setembro e había pouco tempo para completar todos os trámites. A verdade é que nos sete ou oito primeiros meses faltábanos poñer unha cama, porque traballabamos moitas horas. Despois a cousa foi mellor, a experiencia é moi importante. Ao principio queres facelo todo moi ben e as cousas levan máis tempo. Comezamos cun axudante de cociña e tampouco nos atreviamos a contratar máis xente, porque tes que facer fronte ao investimento do principio e non sabes aínda se podes...

Como é a dinámica do establecemento?
Servimos unha media de 80 menús diarios, pero tamén temos carta, pratos combinados, bocadillos... O traballo móvese ao ritmo que o fan os estudantes, se teñen exames ou non... digamos que o noso cliente é o alumno, aínda que tamén vén xente de fóra.

De feito, a cafetería ten boa fama tamén fóra do campus, e ás veces grupos grandes veñen aquí para organizar diferentes eventos.
Si, os venres por exemplo vén máis xente maior de fóra da universidade, polo boca a boca, saben que aquí se come ben e económico. Aos poucos días de abrir, tivemos que organizar un evento importante al que asistiu o presidente Feijóo. Tivemos que buscar material, persoal, foi un esforzo grande, pero o certo é que a xente quedou moi contenta co servizo e coa presentación. Foi unha proba de fogo, e coidamos que a raíz daquelo comezaron a confiar en nós para organizar máis eventos, da propia universidade e tamén de fóra.

E cal é a filosofía do voso servizo?
Facemos cociña caseira, tratamos de ter todos os días un menú equilibrado e saudable, evitando os precociñados. No seu momento tivemos entre nós un debate con isto, porque tirar do industrial sería máis barato e rápido, pero ao final fixemos unha aposta pola cociña de sempre. Parece que a xente pensa que os mozos e as mozas só saben comer “fritanga”, e non é así. Aquí facemos sempre un prato de verdura, legumes, as tradicionais lentellas... e teñen un éxito tremendo. Na nosa cociña buscamos a calidade, procuramos que os estudantes coman como na casa.

Como resultou para vós o modelo cooperativo?
Por unha parte é certo que foi unha vantaxe, porque o feito de gañar aquel concurso deunos unha serie de facilidades para emprender. Pero temos a impresión de que todo está moi enfocado aos autónomos e ás sociedades limitadas, polo menos na maior parte das asesorías. Os trámites son máis complicados e atopámonos con que a nosa primeira asesoría non tiña idea deste tipo de empresas, así que tivemos que cambiar. En xeral a experiencia foi boa, traballamos moito, como todo o mundo na hostalería, pero temos que dicir que somos uns privilexiados porque o facemos de luns a venres.

 

Venres, 6 March, 2020 - 13:15

Compartir