No 2023, a Xunta investirá máis de 1,2 millóns de euros do orzamento destinado á economía social nas axudas para impulsar a contratación nas empresas de inserción

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aumenta nun 24 % en 2023 os apoios destinados ás empresas de inserción, ata chegar a un total de 1 240 000 euros. Este orzamento destinarase á contratación de persoas en risco de exclusión social, estímase que dunhas 144 este ano, e á creación de novas empresas de economía social.
A Xunta de Galicia reserva 42.3 millóns de euros, un 20,82 % máis con respecto ao ano anterior, para crear e promover o emprego na economía social. Isto representa un terzo do orzamento destinado a área de Promoción do Emprego, unha mostra de que a economía social segue a ser un eixo prioritario para o Goberno galego.
Nas vindeiras semanas, a Administración autonómica convocará unha liña de axudas para proporcionar formación e emprego a persoas contratadas na empresa de inserción durante un máximo de tres anos co fin de facilitar a súa integración no mercado laboral. Nomeadamente, as empresas de inserción que queiran optar as ditas axudas deberán ter como mínimo un 30 % dos seus postos de traballo ocupados por persoas en situación de exclusión. Así mesmo, apoiaranse as contratacións superiores aos 6 meses e xornadas laborais por enriba do 50 %.
O programa da Xunta prevé o financiamento dos custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa.
Desde o ano 2016, o Goberno autonómico leva executados a través deste programa de axudas máis de 4,1 millóns de euros, resultando beneficiarias destes apoios nestes sete anos un total de 565 persoas traballadoras.
A economía social ten un papel destacado na economía galega, xa que representa o 7 % do PIB, o que equivale a un impacto anual duns 850 millóns de euros. En total, este modelo empresarial en Galicia está conformado por preto de 14 000 persoas traballadoras nas máis de 3000 entidades que operan neste segmento da economía.
Fonte: Xunta de Galicia