As mulleres na economía social [8M]

Por segundo ano consecutivo a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha a campaña Mulleres na economía social para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra cada 8 de marzo.
 

A economía social e o Día Internacional da Muller

A economía social é un conxunto de actividades económicas no que priman as persoas e o fin social cunha xestión democrática e participativa dos e das participantes nas entidades. Ao mesmo tempo favorece o desenvolvemento local, a inserción de persoas en risco de exclusión social, a xeración de emprego estable e de calidade e a conciliación da vida familiar e laboral. Ademais, é unha economía máis equitativa ao aplicar os resultados en función do servizo ou traballo realizado polas persoas que forman parte da entidade.

En Galicia está modalidade ten un peso considerable, aproximadamente dun 7% respecto ao PIB total galego segundo o Libro Branco da Economía Social en Galicia 2018.

Pero ademais, a economía social é unha ferramenta fundamental para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no eido laboral.

Por iso, no 8 de marzo de 2020 queremos homenaxear ás mulleres na economía social, poñer en valor o seu papel e o das súas entidades. Esta campaña súmase ao resto de actos impulsados pola Xunta de Galicia nesta semana do Día Internacional da Muller, unha data óptima para reflexionar sobre os avances acadados e sobre as mulleres que forman parte chave neste proceso de cambio e de igualdade.
 

As #MulleresNaEconomíaSocial no 2020

Por segundo ano apostamos por unha comunicación centrada nas mulleres da economía social. A campaña, que se pode seguir no hashtag #MulleresNaEconomíaSocial, estréase hoxe nas redes sociais da rede Eusumo cun vídeo central no que seis mulleres da economía social se reúnen e camiñan xuntas para cambiar o mundo.

Podes visualizar o vídeo premendo na seguinte imaxe.

As seis mulleres que participaron no vídeo foron as seguintes:

  • Mónica Rodríguez da Sociedade Cooperativa Galega Alma Zen de Yoga, unha escola de ioga afincada en Santiago de Compostela. Mónica é fundadora e profesora na escola Alma Zen e compaxínao coa investigación de ioga e cáncer.
  • Amparo González de EIL Grupo DILL S.L. Amparo traballa na entidade de inserción laboral do Grupo DILL en Lugo, co fin da integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario.
  • Julia Rey da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, Bico de Xeado. Julia desenvolve a súa actividade na área de comunicación desta entidade acostumada a adozar os padais con xeados artesanais.
  • Adela Lestón da Confraría de Pescadores de Muros. Adela é a vicepatroa maior da Confraría de Pescadores de Muros, con toda unha vida laboral dedicada á súa paixón, o mar.
  • Mónica Permuy de Fundación Meniños. Mónica é a fundadora desta fundación centrada na protección da infancia e a adolescencia, cun traballo orientado a garantir o dereito que teñen os nenos, nenas e adolescentes a vivir en familia.
  • Mónica Conde de Animosa, Alma e Coraxe S.L.L. Animosa é unha marca de roupa inspiradora de muller. Mónica é a fundadora e a idea xurdiu por casualidade, buscando un agasallo apoderante para a súa sobriña pequena.

Ademais, esta campaña estivo anticipada por uns vídeos curtos nos que se desvelaba como as mulleres da economía social camiñaban para cambiar o mundo. A campaña no seu conxunto pódese seguir nas redes sociais no hashtag #MulleresNaEconomíaSocial.

Se queres visualizar estes vídeos podes acceder ás redes sociais de Eusumo premendo na seguinte imaxe.

 

Venres, 6 March, 2020 - 09:00

Compartir