Medrando Xuntas: un programa formativo con sororidade

A Secretaría Xeral de Emprego puxo en marcha en 2017 o programa Medrando Xuntas, no marco da Estratexia Galega de Economía Social e coa intención de impulsar, dentro dela, o talento feminino. O nome describe moi ben a fórmula: crear un espazo de aprendizaxe e intercambio no que van agromando competencias e novas oportunidades para as mulleres da economía social galega.

Neste ano 2020 o programa Medrando Xuntas amosou a súa gran capacidade de adaptación, ao impor a crise da Covid-19 o cambio das sesións presenciais polas telemáticas. Porén, o balance das participantes é unánime á hora de destacar o proveitosas e amenas que se lles fixeron as sesións. “Volvería a empezar”, di algunha delas.

Dous itinerarios para o desenvolvemento profesional e persoal

Máis de 150 mulleres pasaron xa polos cursos nestas catro edicións de Medrando Xuntas, que ten un itinerario para directivas e outro para socias e traballadoras de entidades de economía social. “Medrando Xuntas resposta á inquedanza de ofertar formación cunha perspectiva de xénero para o desenvolvemento profesional e tamén para o desenvolvemento persoal das mulleres da economía social en Galicia”, explica.

A filosofía é común aos dous itinerarios, aínda que cada un ten contidos específicos. Tal como explica Noelia López, do equipo organizador, “nos dous cursos abordamos a xestión das organizacións, a Responsabilidade Social Corporativa ou cuestións relacionadas coa transformación dixital e a comunicación, entre outros, pero os contidos do curso de directivas están máis enfocados á estratexia empresarial, á transformación das organizacións… a respostar preguntas que xurden no liderado en feminino, mentres que o curso de socias vai máis á execución de tarefas, non tanto á estratexia”.

Un dos valores de Medrando Xuntas é a ampla variedade de perfís que teñen pasado xa polo programa, unha riqueza que reflicte tamén a diversidade da propia economía social galega. Mulleres procedentes de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, mutuas, confrarías, asociacións e un longo etcétera participaron nos cursos e tamén no “Foro Medrando Xuntas”, un encontro aberto a todas as mulleres da economía social que tamén é unha ocasión para o reencontro coas exalumnas. O Foro, que neste 2020 reuniu preto dun cento de participantes a pesar do formato en liña, demostra ano a ano como o programa vai creando comunidade. “Este é un programa formativo con sororidade”, destaca Noelia López, resumindo o espíritu de colaboración que rexe nas sucesivas edicións.

Metodoloxía

A metodoloxía participativa do Medrando Xuntas someteuse neste 2020 a un exame máis difícil. Despois de tres edicións de cursos presenciais, a Covid-19 obrigou a levar as sesións ao modo telemático. Empregaron unha plataforma de videoconferencias que facilita o traballo en grupos, de maneira que o cambio non supuxo perder tempo nin frescura, segundo o que contan as alumnas.

María José Grobas, responsable de zona do grupo CLN Incorpora, recoñece que no primeiro momento a imposibilidade de facer o curso de directiva de maneira presencial desanimouna. “E logo quedei encantada, foi unha experiencia totalmente distinta, na que atopei profesionais tan diferentes, de entidades moi diversas, abríronseme portas que antes nin sabía que existían”. Esta diplomada en Empresariais e graduada en Administración e Dirección de Empresas, cun mestrado en Asesoramento Xurídico Empresarial e outros títulos no CV, fala desde a perspectiva de quen non parou nunca de formarse. “É un curso totalmente distinto, moi dinámico, no que se fomenta a improvisación e a participación”, conta. “Aprendín moitas cousas que os libros non che ensinan”, di.

No mesmo curso de directivas que fixo María José Grobas participou tamén Lorena Salgado, de Triquels, unha cooperativa que ofrece servizos de consultoría a marcas e empresas sostibles. Collémola xusto despois dunha reunión telemática con outra participante coa que vai poñer en marcha unha nova liña de negocio. “Ocurríusenos no curso”, recoñece. Tamén para ela foi unha experiencia dinámica e moi amena, na que “o máis interesante foi coñecer a outras mulleres e as súas experiencias”.

“Faríao outra vez, e outra, e outra máis!” di Lucía Novoa, alumna do curso de socias do Medrando Xuntas. “Foi moi positivo atoparmos mulleres diferentes e ver que temos os mesmos problemas e descubrir a moitas mulleres que fan cousas moi interesantes, e tamén resultou moi produtivo profesionalmente”, explica. Desde o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, Lucía Novoa traballa por “un rural habitado e habitable” e non perde ocasión de falar das moitas actividades da entidade, desde a repartición de comidas a domicilio ata a recente apertura da Casa Niño de Lodoselo. “Eu fixen outros cursos en liña e realmente importa moito a metodoloxía, foi sorprendente o dinamismo que conseguiu o curso”, comenta.

Rosaura Romo, da Fundación Érguete, tamén estivo no curso de socias. As relacións, o chamado networking, é unha das cousas que máis valora do programa, no que a pesar da distancia das sesións telemáticas cimentáronse relacións de confianza e amizade. “Precisamente nun momento tan difícil, no que todas tiñamos que repensar todo, houbo un equilibrio entre os coñecementos e o compartir información entre todas, o centrarmos tamén no humano”, explica. “Ao final, o Medrando Xuntas converteuse nun espazo de información e de reflexión, e resultou superenriquecedor”.

VÍDEO BALANCE MEDRANDO XUNTAS

O programa Medrando Xuntas está dirixido a fomentar o talento feminino na economía social e xa van catro edicións e 155 mulleres que atoparon nesta iniciativa unha fórmula para encontrarse, impulsar as sinerxías e apoderarse. A través deste vídeo poderás coñecer o balance do programa.

 

Mércores, 17 June, 2020 - 14:00

Compartir