Lorenzana salienta que a economía social é un selo de identidade e calidade para Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na clausura da asemblea da Economía Social Galega (Foroesgal), destacando a colaboración público-privada como esencial para fortalecer o modelo da economía social en Galicia, que conta con preto de 14 000 traballadores e 3000 entidades.

Lorenzana defendeu que é unha fórmula empresarial que está en continuo crecemento na nosa comunidade e avogou pola creación dun clúster de economía social como unha alianza para aproveitar sinerxías.

Tamén sinalou que o goberno galego centra as súas políticas de impulso á economía social en tres eixos. O primeiro, a visibilidade a través da Rede Eusumo e do programa Es-Próxima, co fin de dar a coñecer este modelo e estabelecer un selo de identidade. O segundo, o apoio á creación e consolidación de empresas e empregos mediante programas de axudas como Aprol Economía Social, Es Transforma, Es Factory e o Bono Consolida. E, por último, a promoción do emprego inclusivo, proporcionando apoios económicos a empresas de inserción laboral e centros especiais de emprego.

Así mesmo, referiuse á II Estratexia Galega de Economía Social (2023-2026), que ten como obxectivo mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades para consolidar o crecemento continuo que este modelo de negocio presenta na comunidade.

Para rematar, a conselleira resaltou que a economía social é un selo de identidade e calidade para Galicia, baseado en valores como a igualdade, a solidariedade e a resiliencia. Por iso, subliñou a necesidade de continuar apoiándoa.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Xoves, 15 June, 2023 - 14:00

Compartir