Lorenzana presenta as contas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que crecen un 13,5 %, ata os 432 M€

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou o 28 de outubro no Parlamento de Galicia o orzamento desta área que crece un 13,52 % e chega ata os 431,55 millóns de euros. O obxectivo é lograr “máis e mellor emprego” na comunidade e acadar unha “igualdade real e efectiva para unha Galicia libre de violencia”.

Estas contas son as mellor dotadas para esta área na serie histórica e permitirán seguir desenvolvendo o potencial da estratexia Xempre Contigo, situando no centro ás persoas e aos sectores e empresas máis afectadas polo actual contexto socioeconómico.

Vinte de cada cen euros do orzamento da Consellería destinaranse a apoiar o emprendemento (18,2 M€) e o traballo autónomo (57 M€). A economía social, un sector que non deixa de crecer en Galicia e que recibirá 42,3 M€, un 21 % máis que en 2022.

A conselleira tamén destacou que a Xunta promoverá o novo programa Impacto Autónomo (30 M€), deseñado para que as persoas traballadoras autónomas poidan facer fronte e minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e enerxéticos “que afectan e condicionan a súa actividade económica”.

 

Cualificación para o retorno e microformacións

Por outra banda, a partida destinada á formación para o emprego e a orientación laboral chegará ata os 202,2 millóns de euros, crecendo así un 9,6 % co obxectivo de dar continuidade á Axenda Galega de Capacidades para o Emprego (3,2 M€) como conectora entre as necesidades de man de obra do tecido empresarial e as persoas traballadoras. O novo Plan Galego de Formación para o Emprego suporá máis de 104 M€.

Lorenzana anunciou o lanzamento o ano que vén do novo programa Retorna Cualifica con 4,5 M€ que nace coa intención de acadar a volta e retención do talento de galegas e galegos emigrados. Ademais, destinaranse un total de 16,8 millóns de euros para o fomento e apoio de medidas de conciliación e corresponsabilidade, igualdade e benestar laboral.

A comunidade será a primeira en ofrecer, a partires do próximo ano, microformacións dirixidas a acreditar competencias específicas -unha medida “recomendada” pola Unión Europea.

 

Igualdade

A conselleira referendou o “sólido compromiso” do Goberno galego a prol da igualdade, unha área que ve incrementada a súa dotación nun 41,4 % ata os 44,5 millóns de euros. Reforzarase a loita contra a violencia de xénero -que contará con 20,5 millóns, un 14,7 % máis que en 2021- co obxectivo de inxectar máis recursos e prestacións para as vítimas.

Lorenzana anunciou unha modificación da lexislación autonómica, coa que Galicia recoñecerá ás vítimas de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero, permitíndolles acceder nas mesmas condicións aos apoios económicos e doutra índole artellados para aquelas.

A partida para promoción da igualdade experimenta un crecemento do 76 %, ata os case 24 millóns, para apoiar, entre outras medidas, aos Centros de Información á Muller, que proporcionan atención, lembrou Lorenzana, a 193 concellos e dispensan servizo a unhas 9.500 mulleres ao ano.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Luns, 7 November, 2022 - 09:00

Compartir