Leticia Jorge, xerente de Aesgal: “As mulleres teñen que ser máis visibles para poñer en valor o seu bo facer nas sociedades laborais”

As sociedades laborais constitúen un dos tipos de empresas que fan posible a economía social en Galicia, e son moitas as vantaxes que a súa forma xurídica lles ofrece aos seus socios e traballadores. En 2009 creouse a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) para defender os seus intereses. Nesta entrevista coa súa xerente coñecemos a súa situación actual e o papel das mulleres con motivo do Día Internacional da Muller, celebrado o pasado 8 de marzo.

 

Con motivo do Día Internacional da Muller celebrado o 8 de marzo, gustaríanos saber como valora a achega que fan as mulleres no eido das sociedades laborais e da economía social de Galicia.

A achega das mulleres no noso eido é fundamental. A economía social, como feito de emprender en colectivo en torno a uns valores de igualdade e democracia, fai que se superen as barreiras que as mulleres teñen no mundo laboral, podendo ser donas do seu destino creando os seus propios postos de traballo. Iso, no caso das sociedades laborais, xunto coa solidariedade propia deste tipo de empresas, supón unha diferenza con respecto á empresa tradicional. A sociedade laboral naceu no eido industrial, un sector no que as mulleres están moi pouco representadas, pero coa entrada en vigor da lei do ano 1997, co gran crecemento do sector servizos, as mulleres incrementaron de forma considerable a súa presenza.

 

Cales son os retos de futuro?

Para min o reto nas sociedades laborais, no relacionado co papel das mulleres, ten que ver coa visibilidade. O feito de que as mulleres sexan quen de poñer en valor o seu bo facer e que dean un paso adiante para reivindicalo e ser caras visibles na representación das sociedades laborais. En moitas ocasións é certo que a contorna social non o pon fácil, por iso temos que ser nós as que deamos o paso para representar ao noso colectivo.

 

A unha muller que quere emprender, que lle diría para convencela de constituír unha sociedade laboral?

Ás mulleres con vocación emprendedora diríalles que busquen máis alá das formas xurídicas puramente mercantís e se informen das distintas posibilidades á súa disposición. Se o seu proxecto encaixa na sociedade laboral, que consideren as vantaxes que pode ter, como a cotización ao Réxime Xeral da Seguridade Social, entre outras.

 

A nova lei de sociedades laborais, en vigor desde novembro de 2015, introduciu cambios para flexibilizar a creación e o funcionamento destas empresas. Cal é a valoración desde a súa entrada en vigor?

A día de hoxe precisamos máis información sobre as sociedades laborais e a situación das mulleres neste eido para sacar conclusións máis rigorosas. Respecto das novidades que introduce a lei, considero que son positivas, pero tamén necesitamos máis medidas fiscais que a acompañen.

 

A marca “Facendo Empresa” impulsada por Aesgal ten como obxectivo dar notoriedade a este tipo de sociedades. Cales son os principais fitos desde o seu lanzamento?

Estamos moi orgullosos da marca. O ano pasado fixemos un labor de difusión cunha campaña publicitaria, e notamos que cada vez son máis as empresas que a utilizan para axudar a entender a súa forma xurídica. Elas son as verdadeiras protagonistas da marca e a súa colaboración é vital para difundir a forma xurídica desde modelos de éxito, como son as sociedades laborais en funcionamento que están a xerar riqueza para o  país.

 

Un dos beneficios máis importantes das sociedades laborais é a maior posibilidade de conciliación, tanto para mulleres como para homes. Que vos transmiten as empresas neste sentido? Cal é a vosa experiencia?

A conciliación é cousa de todos, os homes tamén deben conciliar se pretendemos ter unha sociedade verdadeiramente igualitaria. Na miña experiencia, a conciliación nas sociedades laborais ten moita relación coa solidariedade interna. As empresas, se poden, adáptanse ás necesidades das persoas que as forman, o que implica a sinatura de moitos acordos e facilidades. Por iso son sociedades laborais, porque poñen ás persoas por enriba do capital.

Viernes, 10 Marzo, 2017 - 10:45