Juan María by Lolola: “Unha oportunidade para demostrar todo do que somos capaces”

No centro comercial Plaza Elíptica de Vigo hai unha tenda con moita estrela. É “Juan María by Lolola”, un establecemento de roupa que atenden dez traballadores con discapacidade intelectual. Para moitos deles, esta é a primeira experiencia laboral e tamén “unha oportunidade para demostrar todo do que somos capaces”. Para abrir as portas deste comercio xuntáronse moitas vontades, boa parte delas con voz nesta reportaxe.

A historia da tenda Juan María by Lolola comeza, en realidade, hai 36 anos, cando a Asociación Esperanza del Valle Miñor, formada por un grupo de pais e nais de nenos con discapacidade intelectual, puxo en marcha o seu centro educativo en Nigrán. Co paso do tempo, a entidade tivo que medrar ao ritmo que o fixeron aqueles pequenos e ir procurando respostas para as súas novas demandas. Así chegou o centro ocupacional e, xa no 2014, o centro especial de emprego.

Juan María Empleo SL é un dos 106 centros especiais de emprego que existen en Galicia, unha fórmula de economía social dirixida a proporcionar emprego a persoas con discapacidade. Comezou con catro traballadores e dúas persoas de apoio, realizando a limpeza das propias instalacións, e no ano 2018 deu o “salto” ao mundo exterior. A empresa asinou un contrato co Concello de Nigrán para a limpeza e asumiu outros traballos de reparto de publicidade. Foi a primeira experiencia laboral para Santiago Clemente, que a recorda con agarimo: “Sentinme moi querido e moi contento por comezar a traballar, foi unha grande oportunidade para min”.

Porén, aqueles contratos serviron para detectar algunhas das dificultades que as persoas con discapacidade intelectual atopan no acceso ao mundo laboral. “Unha das principais barreiras é a falta de formación específica para o colectivo, así coma o descoñecemento das súas capacidades por parte de empresas contratadoras, xa que moitas teñen a falsa crenza de que non son capaces de levar a cabo as tarefas con eficiencia e compromiso”, explican Vanesa Iglesias e Montse Sanromán, docentes no proxecto.

Posto a buscar novas solucións, o centro especial de emprego Juan María Empleo coñeceu, xunto con outras entidades coma Aceesca (O Porriño), Aspaber (Carballo) e San Xerome Emiliani (A Guarda), a experiencia do proxecto Amadip Esment, en Baleares. Alberto González da Rosa, coordinador do programa, comenta que os convenceu a fórmula de “aprender facendo”, é dicir, formar profesionalmente as persoas con discapacidade intelectual a través da formación dual ao tempo que teñen un contrato. “Unha vez que coñeceron o proxecto, contamos coa implicación e o compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a posta en marcha desta experiencia piloto”. Finalmente outros dous centros especiais de emprego, Servinserta (Ribeira) e Juan XXIII (Pontevedra) sumáronse a esta iniciativa.

Chegou o momento de definir o programa. “Nunha reunión cun grupo de alumnos, falamos con eles do seu futuro e presentámoslles algunhas das actividades que ofreciamos desde o centro especial de emprego, como a limpeza, a xardinería... pero a resposta foi outra e inesperada: a moda”, comenta Alberto González. Héctor, Lucía e Alicia, tres dos participantes que estiveron naquela reunión, recoñecen que “se tiveron en conta os nosos intereses profesionais”. “A idea xurdiu pensando no que nos gustaría que fora a nosa profesión, porque a moitos lles chamaba de maneira especial o comercio”, engade Sara Rodríguez.

Naquel momento, principios de 2019, o centro tiña precisamente unha colaboración en marcha coa deseñadora viguesa Lola Ronda para a provisión de roupa adaptada para o centro. “Penso que calquera persoa á que lle ofrecesen participar neste proxecto embarcariase sen dubidalo moito -di Lola Ronda-; pero unha vez dentro a dúbida é menor, porque é incrible o esforzo e as gañas con que traballan os dez participantes”.

A tenda abriu coa primeira colección “Estrellas para todos” e está xa á venda a segunda, deseñada e confeccionada integramente en Galicia. E teñen tamén venda online, a través da páxina http://www.juanmariabylolola.com/. Os rapaces e rapazas do Centro Juan María “participan cada vez máis activamente en todo o proceso, ademais de encargarse das tarefas da tenda”, comenta a deseñadora. “E xa estamos a preparar a terceira colección para este verán”.

“Na tenda axúdannos Ángeles e Lola, e con elas facemos moi bo equipo”, explica Natalia Valverde, unha das participantes do proxecto, acerca das dúas persoas de apoio que teñen no establecemento. “Por fin estou a cumprir o meu soño de ser dependente de comercio e ter a primeira experiencia laboral”, di Lucas Calero.

Xunto co traballo como dependentes, está a formación. “As materias nas que nos estamos a formar son o Certificado Profesional de Actividades de Comercio, ademais dos cursos de mozo de almacén, repoñedor e auxiliar de almacén de grandes superficies”, explican Liliana e Mari.

“A principal vantaxe é a de poder traballar ao mesmo tempo que se forman, xa que isto lles permite aprender nun contorno real e ademais teñen a posibilidade de permanecer na empresa unha vez remate o programa formativo -comenta Alberto González-; ter un contrato laboral é un incentivo que os anima ao longo deste período”. E efectivamente, todos teñen a vista posta no futuro, que afrontarán cun Certificado de Profesionalidade e preparados para traballar nesta ou noutras tendas de moda. “Participar neste proxecto vaime servir para atopar un traballo vendendo roupa, e iso gústame”, remata David Crespo.
 

JUAN MARÍA EMPLEO S.L. EN DATOS

Ano de creación: 2014
Nº de persoas traballadoras: 24
Áreas de actividade: limpeza, reparto publicitario e comercio.
Contacto: juanmariaempleo@gmail.com

JUAN MARÍA BY LOLOLA

Ano de creación: 2019
Nº de persoas traballadoras: 12
Web: www.juanmariabylolola.com
Contacto: juanmariabylolola@juanmariabylolola.com

 

Martes, 28 January, 2020 - 10:00

Compartir