Isabel Fraga, presidenta da Aeiga: “Temos que facer que a fórmula das empresas de inserción laboral sexa máis coñecida”
Isabel Fraga Castro é desde outubro deste 2020 a nova presidenta da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), entidade que agrupa actualmente nove das trece empresas deste tipo que hai na comunidade. Ela e o seu equipo teñen, entre outros obxectivos, “facer que esta fórmula sexa máis coñecida, tanto polos concellos e os seus servizos sociais como polo tecido produtivo e a cidadanía en xeral”.
Fraga Castro é economista e leva doce anos traballando no eido da discapacidade. No ano 2014 chegou a Cáritas Santiago coa misión de poñer en marcha un proxecto de inserción laboral para persoas en risco de exclusión. “Decidimos crear unha fundación, que se chama Cadisan, co obxectivo da inclusión laboral daqueles colectivos mais vulnerables, no ano 2015 creamos a empresa de inserción Arroupa e máis recentemente, no pasado ano 2019, Ahortas”, explica. Son dous exemplos de empresas de inserción laboral, a primeira dedicada á recollida e valoración de roupa usada e a segunda, á produción hortícola ecolóxica.
— En Galicia hai 13 empresas de inserción laboral nestes momentos. Por que non son máis?
— Si, agora somos 13, aínda que nestes momentos hai outra empresa en proceso de cualificación, por parte da Asociación A Raíña, e desde Aeiga levamos tempo tutelando outras dúas para que tamén poñan en marcha as súas empresas de inserción laboral (EIL). A miña opinión é que non proliferan máis porque, entre outras razóns, segundo marca o seu regulamento, máis do seu 50% ten que estar en mans de entidades sen ánimo de lucro e a este tipo de organizacións cústalles dar este paso desde o asistencialismo á creación de emprego.
—As vosas empresas producen bens ou prestan servizos, como calquera, pero o beneficio é social, porque o obxecto é a inserción laboral de persoas en risco de exclusión. As ganancias económicas, cando existen, teñen que reinvestirse. E ademais o 30% dos postos, como mínimo, teñen que ser de inserción. Superades esa porcentaxe?
—As empresas de inserción laboral en Galicia representan nestes momentos máis dun cento de empregos, sumando os postos de estrutura e xestión e o resto. A porcentaxe do cadro de persoal que está en inserción é preto do 70%. En xeral, a nosa filosofía é que se un posto pode ser desempeñado por unha persoa en situación de vulnerabilidade, pois ten prioridade. Tampouco pode haber voluntarios para facer algo que poida ser susceptible de xerar un posto de traballo en inserción.
—Outra particularidade é que os empregos de inserción enténdense como transitorios ou non finalistas, e teñen como mínimo seis meses e dous anos de máximo, non si?
—Si, o emprego de inserción ten carácter transitorio, en tanto o obxectivo final é a inserción na empresa ordinaria ou no autoemprego. Nós formamos e acompañamos, traballamos arredor dun itinerario de inserción, priorizamos a rotación nas diferentes tarefas das empresas, para que as persoas teñan máis experiencia... Trátase de mellorar a súa empregabilidade. Ademais, tendo en conta que tamén necesitamos persoal fixo de estrutura, cando temos necesidade de cubrir un posto facémolo co persoal que completou o seu proceso de inserción sempre que sexa posible.
—Como afectou ás empresas de inserción o estado de alarma e a crise sanitaria en xeral?
—O efecto resentiu a todas as empresas, pero non de igual forma, xa que por sectores de actividade algunhas tiveron que parar a actividade, outras non puideron acollerse aos ERTES. Por outra banda, o que notamos coa crise xerada pola pandemia é que a tarefa de prospección laboral está a ser complicada. Estamos tratando de que algunhas das persoas poidan incorporarse a postos da estrutura das propias empresas e tamén, por outro lado, buscando en nichos de actividade nos que pode haber máis emprego, como en empresas de reparto. Pero está a resultar difícil.
—En canto á asociación AEIGA, que obxectivos se marca a nova directiva que presides desde hai un par de meses?
—Queremos consolidar e reforzar a nosa estrutura organizativa para ter capacidade de dar resposta a todas as entidades sociais que queiran informarse ou poñer en marcha un novo proxecto. Agora temos dúas técnicas e o obxectivo é ampliar os nosos recursos para poder atender tamén o traballo a nivel externo. Temos fluída comunicación coa Administración galega, formamos parte da comisión de reserva de contratos, do Consello da Economía social de Galicia, do Foro de Economía Social de Galicia... E precisamos que a fórmula da empresa de inserción laboral sexa máis coñecida, tanto polos servizos sociais municipais, porque atopamos que en moitos concellos non saben de nós e desde alí teñen que derivarnos ás persoas en risco de exclusión, como tamén polas empresas. Temos que chegar ao tecido produtivo, que coñezan as axudas que teñen por contratar a estas persoas e os perfís que podemos proporcionarlles. Así como á cidadanía en xeral, para que coñeza novas formulas de empregabilidade que priorizan a contratación dos colectivos máis vulnerables.
—Como valorades o apoio da administración galega?
—Podemos dicir que a Xunta de Galicia é a administración autonómica que en termos cualitativos e cuantitativos máis axudas está a ofrecer ás empresas de inserción. Quixemos reducir a burocracia dos trámites de contratación que tiñan as empresas para incorporar ás persoas en inserción, e a Consellería de Emprego e Igualdade xunto coa de Política Social fixeron un traballo colaborativo do que imos ver o resultado moi pronto. Iso vainos axudar moitísimo a acurtar os tempos para a contratación das persoas en inserción. Por outro lado, Galicia foi das primeiras comunidades en reservar unha porcentaxe das contratacións públicas ás empresas de inserción e centros especiais de emprego, o que despois se recolleu a nivel estatal na Lei de Contratos do Sector Público.
ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL DE GALICIA:
Twitter: @aeigagalicia