Gyleven S. Coop. Galega: “Intentamos crecer, pero sendo honestos cos nosos clientes”
Aínda que a covid-19 sentenciou moitas empresas en todo o mundo, outras, como as que desenvolven unha actividade vencellada ás novas tecnoloxías, atoparon na pandemia a oportunidade de medrar e consolidarse no seu sector.
Ese é o caso Gyleven S. Coop. Galega, que nace en novembro de 2019 da man de dous emprendedores moi novos, Paola Quintero e Breogán Galego, e que despois de levar anos acumulando experiencia no eido do desenvolvemento e a programación en proxectos de todo tipo, deciden dar un paso adiante e apostar pola economía social dando forma ao seu soño laboral.
Para quen non vos coñeza, que é Gyleven? Que tipo de servizos realizades?
Dedicámonos á informática, á asesoría e ao desenvolvemento de plataformas e aplicacións móbiles á medida segundo as necesidades da nosa clientela.
Nalgúns casos tamén damos soporte sénior de programación a empresas que, por exemplo, teñen proxectos en marcha e que non dan acabado. Así mesmo, dedicamos algo de tempo para desenvolver proxectos de emprendemento propios sobre ideas ás que lles imos dando forma.
Como tomou forma Gyleven?
Ambos estamos no mundo da informática desde que estudabamos. Aos 16 ou 17 anos xa faciamos aplicacións e pequenas páxinas web, e logo especializámonos cursando Enxeñaría de Telecomunicacións e varios ciclos de Formación Profesional en Programación, Electricidade e Informática.
A partir dese momento comezamos a traballar como autónomos, tamén con pequenos proxectos propios e montando nalgún momento algunha pequena empresa con outros colaboradores, ata que decidimos establecernos pola nosa conta e a maneira que mellor nos encaixaba era formando unha cooperativa.
Por que apostastes pola economía social e, en concreto, por unha cooperativa?
Por moitas razóns. Formar unha cooperativa era algo que xa pensaramos no pasado, pero nese momento a lei obrigaba a ter tres socios. Cando a lexislación cambiou comprobamos que era a mellor opción para nós, xa que nos permitía ter persoal e establecer tamén outro tipo de relacións laborais.
Nós, inicialmente, xa tiveramos unha sociedade limitada, traballaramos por conta allea e foramos autónomos, pero sempre pensaramos nesa idea de asociarnos varios programadores e formar un grupo estable de traballo. Neste contexto, a fórmula que mellor se adaptaba era a cooperativa.
Outro dos motivos foi que varios dos proxectos que queriamos desenvolver estaban vinculados ao ámbito rural e esta contorna está moi arraigada coa economía social.
Gyleven naceu en novembro de 2019 e uns meses despois chegou a pandemia. O que para outras empresas supuxo o seu fin, para vós, que pertencedes ao contorno dixital, actuou coma trampolín, non si?
Efectivamente, a pandemia acelerou as cousas, xa que crecemos moito e moi rápido. Eramos moi pequenos e non podiamos competir con outras empresas, pero xurdiron varios proxectos e tivemos que contratar persoal.
Nese momento tamén contamos co impulso do programa Aprol, que foi de grande axuda. E a maiores puidemos xuntar os nosos aforros e o paro e destinalo ao capital social da cooperativa, así como a contratar o persoal que foi tan necesario nos nosos inicios ao ter tanto traballo.
Falades sobre as axudas Aprol. Diriades que atopastes facilidades para a constitución do voso negocio?
As axudas hai que traballalas e tramitalas, pero son reais e son importantes para todos os que comezamos cun negocio. Ademais, contamos coa axuda de EspazoCoop, que nos botaron unha man con todo o proceso de constitución e tramitacións.
Coa pandemia mudou tanto o contorno dixital como imaxinamos dende fóra? Que é o que demandan actualmente as empresas?
No noso caso, o que máis nos demandan son as aplicacións para móbiles, algunha tenda virtual ou as aplicacións que axilizan o traballo.
Tamén temos clientes que nos solicitan o desenvolvemento dos seus proxectos por horas, xa que hai moitas empresas que non se poden permitir contratar un sénior e saben que nós ofrecemos este servizo. Nestes casos a experiencia neste tipo de traballos é moi importante e desta forma as empresas xa non teñen que formar a un empregado para que se faga cargo deste traballo.
Nós intentamos crecer sendo honestos cos nosos clientes. Asesorámolos tendo en conta as súas necesidades e posibilidades. Ser honestos fainos ir máis lento, pero con clientela máis satisfeita.
GYLEVEN EN DATOS
Ano de constitución: 2019
Sede: Camiño Casal Vello, 1, Mos (Pontevedra)
Web: https://gyleven.com/