Gobernanza cooperativa nas Comunidades de Montes Veciñais

Durante esta semana, unha vintena de persoas relacionadas coa xestión dos montes veciñais e en man común asistiron ao obradoiro “Gobernanza cooperativa nas Comunidades de Montes Veciñais”, que rematou o pasado venres 24 de maio en Pontevedra.

Na sexión expusoxe o proxecto TROCO2, Mercado Transfronteirizo de Intercambio de Carbono, cofinanciado polo Feader e centrado na capacidade do terreo forestal para extraer CO2 da atmosfera e almacenalo. Este efecto é un dos aspectos tratados na Lei de Montes de Galicia e poténciase por medio da xestión forestal sustentable.

Ademais, a xefa do Servizo de Montes de Pontevedra, Amalia Pazos, explicou que son os Instrumentos de ordenación ou xestión forestal, obrigatorios segundo o artigo 77 da Lei 7/2012. O prazo para que os montes se doten dun instrumento remata en 2020.

O obradoiro comezou o luns cunha mostra de iniciativas de dinamización do uso dos montes veciñais con éxito, entre elas cría de porco celta, cultivo de castaña e oliva ou recollida de resina, mentres que as seguintes sesións desenvolveron aspectos máis directamente relacionados con xestión e administración das Comunidades, como son a propia gobernanza e xestión cooperativa das comunidades, a fiscalidade e a titularidade e defensa dos montes veciñais. Estes relatorios foron impartidos por profesionais do despacho de avogados Calixto Escariz.

O obradoiro organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias forma parte dun ciclo da Rede Eusumo destinado a impulsar o emprendemento a través do uso dos recursos agrarios das Comunidades de Montes, que, en Galicia, xestionan aproximadamente dous terzos da superficie de monte da Comunidade. Mediante esta formación, búscase divulgar a fórmula cooperativa como medio para potenciar e consolidar a activación destes terreos de cara a un rendemento produtivo, así como favorecer o emprego xuvenil.

 

Venres, 24 Maio, 2019 - 10:00

Compartir