GALICIA, INVITADA A PARTICIPAR NO CUME DA ECONOMÍA SOCIAL EUROPEA 2020

A economía social galega vai ter a súa propia voz no debate sobre o futuro deste modelo económico en Europa. Tras participar o pasado ano no programa ESER –Rexións da Economía Social en Europa-, a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de recibir a confirmación de que Galicia terá o seu espazo no ESER 2.0, un programa que vai un paso máis aló nos obxectivos de construción da Economía Social Europea.

Así, Galicia está invitada a presentar propostas para o Cume da Economía Social Europea 2020 que se vai desenvolver na localidade alemana de Mannheim os días 26 e 27 de novembro.

Estas propostas poderán incluír talleres, paneis de discusión, mesas redondas etc. orientados ao obxectivo xeral de maximizar a contribución da economía social aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a un mellor equilibrio entre prosperidade e equidade. Noutras palabras, deben contribuír a avanzar cara a unha “economía ao servizo das persoas”.

As sesións poderán xirar en torno a estes tres temas:

  • Colaboración entre rexións e sectores.
  • Innovación para afrontar os actuais problemas sociais e ambientais.
  • Dixitalización para aproveitar as oportunidades que a tecnoloxía representa para o desenvolvemento social.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en nome das entidades que forman a Rede Eusumo, invita a que asociacións, empresas e, en xeral, axentes implicados na economía social de Galicia presenten as súas achegas para construír entre todos unha proposta participativa e consensuada.

O prazo está aberto ata o día 15 de marzo e podes enviar as túas achegas a: economiasocial.emprego@xunta.es.

Na web https://www.euses2020.eu/ podes consultar máis información sobre o contido do cume, que se presenta como unha oportunidade para participar na formulación das políticas europeas de economía social e para empoderar ás organizacións interesadas neste modelo económico.

Luns, 24 February, 2020 - 12:45

Compartir