Galicia e Madrid intercambian experiencias en políticas de impulso ao emprendemento e á economía social para incrementar o emprego de calidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse o pasado 16 de febreiro en Madrid con representantes dos gobernos autonómico e municipal da capital co fin de intercambiar experiencias e coñecementos nos eidos do emprendemento e a economía social.

Neste encontro, Lorenzana debullou as políticas actuais que está a desenvolver a Xunta de Galicia neste ámbito co obxectivo de favorecer a creación de emprego de calidade. Tamén destacou a recente creación da Dirección Xeral específica de Emprendemento e Apoio ao Emprego para unificar todos os recursos e axudas nesta materia.

Outra das iniciativas que salientou a conselleira foi a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha rede coordinada e unificada que conta con titores expertos de primeiro nivel para garantir que as persoas interesadas sexan capaces de emprender en condicións de seguridade.

En total, este recurso estará conformado por 12 polos (4 en Lugo, 3 na Coruña, 3 en Ourense e 2 en Pontevedra), dos que xa están operativos cinco e nos que se está a ofrecer un asesoramento personalizado e permanente a 166 persoas emprendedoras, axudándolles a desenvolver 141 proxectos empresariais mediante a realización de máis de 530 sesións de titoría, emprendendo en sectores como a agricultura ou o turismo, entre outros.

A Xunta está a investir nesta iniciativa, que inclúe tamén axudas económicas, 9,2 millóns de euros este ano para impulsar e apoiar as iniciativas emprendedoras que xurdan en Galicia e fixar empresas no territorio, así como reter e atraer talento.

Ademais, Lorenzana tivo a oportunidade de visitar as instalacións do E-Social Hub de Madrid. Este espazo de encontro é punto de información e asesoramento técnico empresarial para persoas emprendedoras e empresas que queiran recibir información sobre todos os recursos nesta materia.

E-Social Hub tamén dispón dun Punto de Atención ao Emprendedor, onde se poden realizar os trámites necesarios para a creación de empresas baixo as fórmulas de sociedade limitada e empresario individual. Tamén conta cun espazo de traballo colaborativo para facilitar ás empresas o desenvolvemento dos seus negocios.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Mércores, 22 February, 2023 - 10:00

Compartir