Galicia celebra o Día do Cooperativismo Galego o vindeiro 6 de xullo en Nigrán

A Xunta, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, celebra o vindeiro 6 de xullo o Día Internacional do Cooperativismo Galego en Nigrán (Pontevedra), onde se entregarán a partir das 12:00 horas do mediodía os Premios ao Cooperativismo 2023. A celebración deste ano leva por lema “As cooperativas constrúen un futuro mellor para todas as persoas”.

O acto terá lugar no CPR Plurilingüe Ángel de la Guarda e serán recoñecidas as cooperativas Consumo Consciente Árbore (Vigo), galardoada co premio aos valores cooperativos; A Morada Nosa (Vigo), que recibirá o premio ao mellor proxecto cooperativo novo, e A Carqueixa (Lugo), que obtén o premio á traxectoria cooperativa.

A Xunta tamén fará a entrega de premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do certame Cooperativismo no Ensino 2024 na modalidade de centros de Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, cuxo gañador é o proxecto Arroutada, Sociedade Cooperativa Galega presentado polo alumnado do IES Fernando Wirtz Suárez. O accésit nesta mesma categoría recíbeo o proxecto SailingDog, presentado polo alumnado da Sociedade Cooperativa Galega Mendiño.

Con iniciativas como estas, a Xunta de Galicia procura promover e destacar os principios da fórmula cooperativa entre a sociedade e recoñece publicamente o traballo realizado polas cooperativas no seu compromiso coa a igualdade, a proximidade e a xeración de emprego.

Se queres asistir ao acto, deberás confirmar a túa asistencia mediante este formulario antes do 1 de xullo.

Consulta o programa e máis información a través de www.cooperativismogalego.com

 

Mércores, 19 June, 2024 - 18:30

Compartir