Fundamar e a Asociación Amicos presentan o proxecto "Mar de Amicos"

A Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar) e a Asociación Amicos celebraron a xornada de presentación de Mar de Amicos, un proxecto que busca fomentar o turismo accesible e favorecer a empregabilidade de persoas con discapacidade. Unha iniciativa que conta co apoio da Rede Eusumo, mediante a que a Xunta de Galicia impulsa a economía social.

Covadonga Toca, a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, asistiu á xornada de presentación do proxecto e subliñou a súa dobre vertente xa que, por unha banda, desenvolve un programa de turismo accesible e inclusivo no ámbito do patrimonio marítimo pesqueiro a través das entidades de economía social e, por outra, favorece o emprego de persoas con discapacidade.

Fundamar e Amicos levarán a cabo un programa de formación para entidades que desexen ser "visitables" na comarca do Barbanza, captarán axentes de turismo inclusivo e comezarán as visitas e actividades no mes de xuño. Tamén elaborarán unha guía de boas prácticas en turismo accesible e inclusivo.

A rede Eusumo apoia este tipo de iniciativas ofrecendo asesoramento e formación no marco da economía social, mellorando a súa competitividade en ámbitos como a contabilidade, a internacionalización, o márketing dixital, a comunicación e as ferramentas dixitais innovadoras. Na actualidade, a rede está formada por 95 entidades, incluíndo asociacións de economía social, administracións públicas, cámaras de comercio, cooperativas e universidades, entre outras.

Fonte: Xunta de Galicia

 

Mércores, 19 April, 2023 - 12:45

Compartir