Feliciano Valcárcel, xerente de San Xerome Emiliani: “Os que van a administrar este espazo serán os membros da cooperativa”

Máis de 40 anos son os que levan desde San Xerome Emiliani tratando de ofrecer un acompañamento total ás persoas con diversidade. Esta asociación naceu en 1977 da man de varias familias da Garda, en Pontevedra, que puxeron en marcha un proxecto co que tentar mellorar a vida dos seus fillos. Feliciano Valcárcel, xerente da agrupación, explica que “cando tes ao teu coidado unha persoa cun nivel de dependencia tan alto, o teu fillo convértese no centro de todo”.

Nun inicio San Xerome comezou cun colexio, logo un Centro Ocupacional e de Día, e despois un Centro Especial de Emprego e un Clube de Ocio e Deportivo. Actualmente as necesidades ampliáronse e están a impulsar a creación do proxecto Fogares Sanxe, un Coop-Housing no que a través dunha cooperativa se proporcionará a emancipación destes xoves con diversidade.

Puxeron en marcha a iniciativa Fogares Sanxe, en que consistirá este proxecto?

Fogares Sanxe xorde por dúas necesidades. Por unha parte, o dereito de emancipación independentemente da necesidade de apoio que se precise; facerse adulto pasa por poder autodeterminarse e ser libre para tomar decisións coma as de onde e de que maneira se desexa vivir. Ademais, no caso de persoas cunha dependencia case total de por vida, as familias tiñan unha importante preocupación ante o que ía suceder cos seus fillos cando eles xa non estivesen para atendelos.

Entón, desde San Xerome tómase a iniciativa de crear un recurso para facilitar a atención destas persoas, que en moitos casos acaban por trasladarse a outras cidades ou zonas para poder recibir os servicios asistenciais que necesitan. Isto supón unha ruptura absoluta da vida destas persoas, impoñendo ademais unha barreira xeográfica que dificulta moito as visitas ou encontros.

En que fase se atopa o proxecto actualmente?

En 2018 comezamos a pedir axuda e colaboración a diferentes entidades, como por exemplo á Universidade de Santiago de Compostela mediante o seu Acelerador de proxectos e á Xunta a través da propia Rede Eusumo,  Igape Responde, etc. Tras esta primeira fase de consolidación e planificación do proxecto para obter financiación, conseguiuse a doazón dun inmoble céntrico que fose o suficientemente amplo para poder crear fogares, algo que sucedeu en decembro de 2020, cando os donos do antigo colexio de Carmelitas da Garda doaron o edificio para a creación do proxecto.

Actualmente xa temos o anteproxecto de obra, coa colaboración do arquitecto Mauro Lomba e atopámonos solucionando as cuestións burocráticas, así como traballando na procura de financiación mediante fondos europeos, para que isto saia adiante. Por outra banda, estamos en proceso de constituír a cooperativa, xa que queremos que os que habiten estes fogares sexan os propios socios.

Optouse polo modelo Coop-Housing, que beneficios reporta un modelo de vivenda cooperativa?

A asociación será a promotora e dona das instalacións, pero os que van a administrar este espazo serán os membros da cooperativa, permitindo que as persoas con diversidade sexan as que xestionen de maneira real este proxecto. Desde San Xerome promovemos o dereito de independencia e a toma de decisións destas persoas, polo que esta iniciativa é esencial para que sexan os usuarios quen poidan decidir como vai ser a súa vida.

É un modelo novo, onde pretendemos que os residentes poidan vivir incluídos na comunidade, en espazos que non estean apartados e que tampouco sexan tan esaxeradamente grandes que impliquen a creación dun gueto. Queremos a inclusión destas persoas, pero á vez que se presten os servizos e axudas necesarias.

Usuarios e familias demandaban solucións de emancipación coma esta?

A pesar de que é un proxecto complexo, as familias non querían apartarse dos seus fillos, deixando que estes se trasladasen a centros en zonas afastadas, polo que atopar unha solución próxima que puidese mellorar a vida destes mozos e mozas, outorgándolles un espazo de confianza cunhas condicións idóneas de vida supón unha grande ilusión.

Neste tipo de modelos, o custo de mantemento das instalacións corre a conta dos membros e usuarios, tamén será así en Fogares Sanxe?

Fogares Sanxe supón un investimento estimado de arredor dos seis millóns de euros para poder acondicionar e rehabilitar o espazo, pero o verdadeiro reto é poder manter este espazo e permitir que as persoas con diversidade poidan habitar aí con todas as necesidades cubertas. Isto supón unha gran cantidade de cartos, polo que os residentes deberán facer un pequeno copagamento, pero onde o groso dos gastos veñan cubertos por outras vías, coma se se tratase de prazas públicas.

Ademais da doazón do edificio e a solicitude de fondos públicos, haberá outras formas de financiamento?

Este proxecto precisa dun investimento moi alto, que pretendemos cubrir mediante a consecución de axudas públicas, xa que ademais, a Consellería de Política Social animounos en todo momento a levar a cabo esta iniciativa, que é única na zona.

Temos a sorte de contar cun apoio veciñal importante, tendo arredor de 2.500 socios nunha comarca de 50.000 habitantes, o que pon de manifesto o apoio da xente da zona á agrupación. Necesitamos financiación para sacar isto adiante, e polo tanto, ademais da doación desinteresada do edificio e dos fondos públicos, imos a levar a cabo unha campaña de crowdfunding coa axuda dun experto para poder sacar o máximo rendemento posible a esta iniciativa. Con este método de financiación pretendemos que cada persoa que o desexe poida contribuír. Ímonos nutrindo de todo o que está ao noso arredor para seguir adiante con proxectos e iniciativas que axuden a estas familias.

De que maneira colaborará este proxecto na impulsión da economía da zona?

Entre a Asociación e o Centro Especial de Emprego contamos con arredor de 80 empregados, sendo incluso unha das empresas máis grandes da comarca. Somos un servizo que xa está a ter impacto no desenvolvemento da zona, e coa posta en marcha de Fogares Sanxe poderían crearse probablemente outros 20 ou 30 empregos máis. Isto implica que son persoas que van vivir aquí, o que supón o asentamento da poboación e a recuperación da zona. Nós estimamos que o impacto positivo será moi grande, xa que ademais, A Garda é unha zona que carece de tecido industrial e polo tanto este proxecto pode ser moi beneficioso pola creación de emprego que vai a traer.

Por outra banda imos a contribuír á recuperación de patrimonio, posto que o colexio das Carmelitas é un edificio histórico cunha fachada indiana, promovendo non só o uso e desfrute do edificio, senón tamén o coidado e posta en valor do patrimonio da Garda, como era o caso deste inmoble, ata agora abandonado e inutilizado.

Adxudicóuselles unha subvención con fondos europeos POISES cun valor que ascende aos 99.000€, para que se van a destinar estes cartos?

O Centro Especial de Emprego é un dos proxectos máis importantes que temos. Nun inicio estaba orientado a unha empresa de xardinería, pero a día de hoxe temos unha horta ecolóxica, compostaxe, limpeza, viveirismo...etc.

Neste proceso de expansión e mellora de competitividade pasamos en 2019 de 14 a 24 traballadores con diversidade intelectual na empresa. Ademais, grazas a fondos coma estes conseguimos diversificar as actividades este ano, incluíndo apoio en cociñas, reparación de contedores plásticos, ou a horta ecolóxica. Con este proxecto POISES preténdese contribuír á mellora da competitividade do Centro Especial de Emprego, con tres áreas de acción: a capacitación e instrución de traballadores con diversidade, o incremento das unidades de apoio, permitindo non só o desenvolvemento produtivo do traballo, senón a mellora na formación, para que estas persoas poidan acceder a niveis superiores de emprego e finalmente, o estudo de viabilidade de novos proxectos verdes, nun marco diverso.

Máis de 40 anos son os que levan desde San Xerome Emiliani tratando de ofrecer un acompañamento total ás persoas con diversidade. Esta asociación naceu en 1977 da man de varias familias da Garda, en Pontevedra, que puxeron en marcha un proxecto co que tentar mellorar a vida dos seus fillos. Feliciano Valcárcel, xerente da agrupación, explica que “cando tes ao teu coidado unha persoa cun nivel de dependencia tan alto, o teu fillo convértese no centro de todo”.

 Nun inicio San Xerome comezou cun colexio, logo un Centro Ocupacional e de Día, e despois un Centro Especial de Emprego e un Clube de Ocio e Deportivo. Actualmente as necesidades ampliáronse e están a impulsar a creación do proxecto Fogares Sanxe, un Coop-Housing no que a través dunha cooperativa se proporcionará a emancipación destes xoves con diversidade.

 

Martes, 29 June, 2021 - 16:00

Compartir