Feira das industrias culturais CULTURGAL
O 28 e 29 de novembro terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a 13ª edición da Feira das Industrias Culturais CULTURGAL. Nun contexto de dificultade e incerteza para as empresas e profesionais do ámbito da cultura, a Feira resulta máis que nunca un instrumento útil e necesario ao dispor de todos os axentes envoltos na actividade cultural, e en particular dos que compoñen a familia da Economía Social de Galicia.
Malia que as medidas para o control da crise sanitaria impiden nesta edición a existencia de stands expositivos na feira, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, mantén o seu compromiso coa visibilización e apoio ao sector nesta cita referencial para a cultura galega, por sexto ano consecutivo.
Con este obxectivo, o sábado 28, de 19:00 a 20:00h no Espazo Foro, amosaremos a versatilidade da Economía Social galega na programación oficial do CULTURGAL nun espazo no que, ademais de aforo presencial, contarase con retransmisión en streaming. Para formar parte desta actividade, as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción e outras entidades da economía social pertencentes ao sector cultural poden enviar unha proposta de exhibición ou espectáculo de calquera disciplina ou actividade do sector cultural.
Requisitos de participación
As propostas deben enviarse a este correo electrónico antes das 14:00 horas do xoves día 12. Deberán conter unha descrición detallada da actividade, e, sempre que sexa posible, acompañar arquivos de imaxe, vídeo ou música, segundo proceda, para a súa pre-visualización.
Debido a que nesta edición priorízase a realización de formatos express ou showcase, as propostas para participar no espazo de Economía Social de Galicia deben axustarse aos seguintes requisitos:
- Deben ser actividades creativas, pertencentes a calquera disciplina do sector cultural, como actuacións musicais, artes escénicas, espectáculos infantís, etc. En consecuencia, a presentación de produtos e/ou servizos non está contemplada.
- Non poden superar os 10 minutos de duración, co fin de poder conformar unha programación con, cando menos, 6 propostas diferentes. Unicamente, naqueles casos nos que a actividade poida desenvolverse nun segundo plano ou de forma paralela a outra (por exemplo, unha exhibición de pintura que complemente ou acompañe a outra ou outras actividades), poderanse superar os 10 minutos.
- Deben estar dirixidas a todos os públicos.
- Deben seguir as normas vixentes para a actividade cultural en relación á COVID-19 que en cada momento indique a organización da Feira.
As entidades participantes deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas rexistrais.
Procedemento de selección
De entre as propostas recibidas, seleccionaranse aquelas que permitan completar unha oferta o máis coherente, variada e atractiva posible, priorizándose aquelas que sexan novidades e/ou estreas ou que sexan deseñadas expresamente para a ocasión.
Escollerase un máximo dunha proposta por entidade.
A selección de propostas será realizada pola Subdirección Xeral de Economía Social.
Custo
A participación na actividade é gratuíta.