Estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude fórmanse en cooperativismo na Fundación Feiraco

Hoxe, 27 de setembro, na Fundación Feiraco (Ames), unha trintena de estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude asistiron a un obradoiro acerca das características da economía social.

Participaron nunha xornada didáctica sobre cooperativismo, onde se destacaron como cualidades das Cooperativas, a toma democrática de decisións e a distribución equitativa de beneficios, ademais da súa adaptabilidade a todo tipo de sectores. Explicaron tamén cal é o perfil da persoa emprendedora, así como as oportunidades de negocio no medio rural.

O persoal da entidade mostroulles as instalacións da planta de transformación e envasado de leite para que aprenderan os pormenores da elaboración dos produtos lácteos, así como o funcionamento da cooperativa.

Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Xoves, 27 September, 2018 - 09:00

Compartir