Entrevistamos a Kracia

Que é Kracia e por que ese nome?

Kracia é unha alternativa de márketing dixital que nace da necesidade de garantir o acceso democrático ás súas ferramentas a través do que chamamos «os 5 k do márketing kracián». Grazas a estas ofrecémoslles ás pemes e start-ups o que precisan para mellorar ou comezar a súa reputación na rede.

Somos especialistas en identidade de marca e márketing de contidos, como formas de maximizar a cultura das empresas e a súa visibilidade no mercado dixital. Apostamos polo audiovisual como ferramenta fundamental para captar a atención dos potenciais clientes e así diferenciar os produtos ou servizos das empresas.

Así mesmo, o noso espírito de cooperativa lévanos a xerar un impacto na nosa contorna, así como sinerxías de colaboración con profesionais, e achegar o coñecemento á nosa comunidade a través dun modelo de formación optimizado para as necesidades actuais.

Como xurdiu a idea de crear unha cooperativa? Que vos fixo dar o paso para iniciar este proxecto de economía social?

Todo foi a raíz dun curso realizado por Paideia sobre márketing dixital, empregabilidade e cooperativismo. A formación consistía en crear unha cooperativa e presentala nun concurso. E a nosa cooperativa foi unha das gañadoras.

Cal á a actividade principal de Kracia? Que tipo de servizos realizades?

Diríamos que o vídeo para nós ten moita importancia, xa que cremos que se converteu nunha necesidade predominante para os negocios. Por esta razón, apostamos por que o noso amor e dedicación cara ao mundo audiovisual sexa a clave para mellorar os contidos e a visibilidade das nosas empresas.

Os nosos servizos, aos que denominamos «os 5 k», son os seguintes:

  • Konsultoría e estratexia de marca: esta é a pedra angular e da que se derivará ou non a necesidade do resto de servizos. Encargámonos de facer unha análise exhaustiva do funcionamento da empresa e de cales son as súas necesidades, as súas fortalezas e debilidades, e analizamos como poder reconducilos.
  • Kreatividade: a creación de contidos é o servizo que nos diferencia da competencia, pola nosa aposta polo audiovisual como un ámbito en auxe cada vez máis consumido. Neste «k» incluímos creación de contidos (elaboración de blogs, ebooks, infografías, boletíns, contidos interactivos, notas de prensa etc.), fotografía e edición, vídeo márketing (anuncios publicitarios, reportaxes de prensa, vídeos de produto, edición e entrevistas) e deseño gráfico (logotipos, catálogos, merchandaxe, flyers, carteis e fichas corporativas).
  • Kommunity manager: neste ámbito encargámonos da difusión nas redes sociais das publicacións, notas de prensa, avances etc. da nosa clientela.
  • Kampañas: creación de campañas publicitarias como Facebook e Google ADS, posicionamento SEM e e-mail márketing.
  • Kreación e desenvolvemento web: para a creación, desenvolvemento e mantemento da web. Este é un dos servizos máis demandados da cooperativa.

Que vos define e que vos diferencia da competencia?

Diríamos que desde Kracia satisfacemos as necesidades e facilitamos o día a día da nosa clientela, xa que somos o nexo dixital do seu negocio, e dotámola dos mellores medios e ferramentas a través dun espírito audiovisual, accesible e de calidade.

Cremos que somos a tranquilidade das empresas ante a súa incerteza dixital, grazas a que favorecemos a súa inclusión no mundo en liña e convertemos o seu negocio nunha marca con vida e movemento, sempre a través da imaxe e o audio.

Acción e revolución son as características que nos definen á hora de satisfacer as necesidades e frustracións entre o mundo tradicional e o dixital, polo que cremos na firme cohesión entre cliente, internet e empresa.

Cal é o perfil das persoas socias traballadores e cantas sodes?

Somos unha cooperativa multidisciplinar formada por un total de cinco especialistas en márketing dixital: David Pouso Alonso, Uxía Santos Fernández, Xacobe Galbán Hermo, Eloy Rodríguez Gómez e Antón Freire Picón. A nosa formación e traxectoria profesional destacan pola súa gran variabilidade, con experiencias nos ámbitos do son e a imaxe, o deseño web, a xestión de redes sociais, a contabilidade, o márketing, a comunicación, a atención á clientela e a formación. Temos habilidades de comunicación e resolución, polo que nos definimos como persoas con amplas habilidades comunicativas, o que cremos que xera unha maior confianza cara aos nosos clientes. O feito de ser persoas comprometidas co noso traballo garante tamén a lealdade e o compromiso de palabra, polo que consideramos que formamos unha cooperativa transparente, cunha comunicación próxima, directa e personalizada, e cun acompañamento directo durante todo o proceso. En definitiva, Kracia está formada por un equipo ambicioso, con ideas claras, creativas e innovadoras.

A medio/longo prazo, que horizonte vos gustaría acadar?

Cremos no dereito que teñen todas as empresas de Galicia a conseguir a súa transformación dixital con resultados notables para así poder multiplicar o valor dos seus negocios. Por este motivo, buscamos chegar a cada unha desas empresas que non son capaces de navegar neste mar dixital, e dotalas de todos os medios que precisen para acadar os seus obxectivos no día a día, pero sobre todo ofrecéndolles tranquilidade nestes tempos nos que a necesidade de cambio e adaptación é case unha obriga.

Que razóns lle darías a posibles clientes para que impulsen a súa estratexia dixital?

Está claro que a Covid-19 foi unha aceleradora da transformación dixital, que obrigou as empresas a tomar decisións que as levaron a intentar gañar terreo no mercado en liña. O problema é que a maioría non ten unha estratexia clara ou unha identidade suficientemente forte para xerar atención, xa que non dispoñen dos recursos nin do tempo necesario para iso.

Desde Kracia ofrecemos as ferramentas necesarias para que as empresas poidan crecer dixitalmente e aumentar os seus resultados, xa que facemos da estratexia, da identidade de marca e da creación de contidos o vínculo do gran futuro que lles espera ás nosas empresas.

KRACIA EN DATOS

Ano de constitución: 2022
Sede: Coworking. Calle Condado, 7, 15940, A Pobra do Caramiñal, A Coruña.
Persoal: 5 persoas socias traballadoras
Web: https://kracia.es/

 

Xoves, 16 June, 2022 - 17:45

Compartir