Entrevistamos a Enraizando | Premio ao mellor proxecto cooperativo novo
1. En primeiro lugar, parabéns, tanto por este premio como por conseguir desenvolver o proxecto no sector da saúde mental. Cal é o motivo polo que decidistes apostar por este proxecto? Que vos moveu a levalo a cabo?
A actividade laboral das tres socias de Enraizando estivo sempre vinculada á saúde mental.
Por un lado, a raíz de comezar a vivir en Ribeira, interesámonos polo tecido asociativo e polas necesidades a nivel social da zona. Comprobamos que os recursos cos que contan as persoas con sufrimento psíquico son escasos e non accesibles economicamente para toda a poboación.
Por outra banda, o noso percorrido laboral na empresa privada faise cada vez mais insostible. Custa pensar que empresas dedicadas ao sector social poidan contar con dinámicas agresivas, coercitivas e de escaso coidado aos seus traballadores.
Deste modo, mentres nós “rompiamos” debido ás políticas de actuación das empresas privadas onde traballabamos, comezaba a nacer a nosa cooperativa. Enraizando foi salvándonos; Enraizando foi un lugar onde volver atopar as ganas e a ilusión; onde volver a crear e pensar sen opresións e xogos de poder; e onde poder traballar dando prioridade ao benestar das traballadoras.
Así naceu o Equipo de Apoio Social e Comunitario (EASC), un proxecto acorde aos nosos ideais, un proxecto que pon no centro as persoas e non outros intereses o alianzas. O EASC ofrece atención psicosocial e acompañamento terapéutico de xeito gratuíto para as persoas.
2. Que servizos/programas tedes activos nestes momentos? Onde desenvolvedes estes servizos? E como se pode acceder a eles?
O programa que temos activo é o EASC, o primeiro que puxemos en funcionamento dende a nosa creación como cooperativa. Na actualidade o servizo desenvólvese na Pobra do Caramiñal, grazas ao financiamento do Concello. Durante un ano levouse a cabo no concello de Ribeira, a través de fondos europeos, e tamén uns meses no de Rianxo. Neste último mostraron interese en continuar co mencionado servizo, pero carecían de orzamento para súa continuidade.
A derivación ao servizo pode vir dada dos servizos sociais ou calquera outra entidade social, comunitaria o clínica.
3. Cal é o maior reto ao que vos enfrontastes nestes tres anos xestionando Enraizando?
O noso maior reto é continuar adiante coa incerteza como compañeira de viaxe, e xestionar e manter a cooperativa cun proxecto de carácter gratuíto e dependente das administracións locais e comarcais. A día de hoxe, o programa mantense grazas á colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal.
Os servizos sociais de Ribeira, A Pobra e Rianxo valoran o EASC como necesario e de grande utilidade, pero atopámonos coa dificultade de acceder a subvencións ou a falta de orzamento dos concellos en materia de servizos sociais.
4. Cales son os vosos obxectivos a medio/curto prazo?
Os nosos obxectivos pasan por darlle continuidade e estabilidade ao servizo posto en marcha e mellorar a atención que ofrecemos. E, por outro lado, comezar a materializar outros proxectos que temos pensados e traballados relacionados coa arte e coa formación.
5. Que considerades imprescindible para emprender? Que é o máis importante para apostar por un proxecto e mantelo no tempo?
Pensamos que é imprescindible facer un estudo antes de comezar coa creación da cooperativa; ter feita unha memoria na que se detallen todos os aspectos relevantes para a súa posta en marcha e a súa continuidade no tempo; e, por suposto, ter ganas e motivación pola aprendizaxe. Nós levamos pouco tempo como cooperativa e apostamos polo noso proxecto activo. Considerámolo innovador na zona e de moita utilidade, pero para darlle continuidade e seguir creando, precisamos a colaboración da política social, pois o financiamento depende disto.
Estamos moi ilusionados polo premio recibido e sentímonos contentos por recibir este recoñecemento. Esperamos atoparnos co apoio político que permita que as persoas que están nun momento vulnerable na súa vida teñan unha atención de calidade e baseadas nas súas necesidades.
Enraizando EN DATOS
Ano de constitución: 2021
Sede: Barrio Lomba 28, Ribeira (A Coruña)
Persoal: 3
Email: cooperativaenraizando@gmail.com