Entrevistamos a Desniveis

1. Que é Desniveis e por que escollestes ese nome? Cantas persoas formades a cooperativa e cales son os vosos perfís?

Detrás de Desniveis estamos Ana, Daniela e Marta, arquitectas de profesión. Este proxecto naceu da ilusión de colaborar xuntas nun proceso creativo tras seis anos de carreira traballando man a man.

Fascinadas por Galicia e as súas paisaxes, decidimos expresalo con diferentes produtos e deseños nos que representamos distintos elementos, lugares e paisaxes.

Para nós todos os proxectos comezan cunha análise do territorio. Por que isto ía ser distinto? Ao final, todo o que nos rodea (na paisaxe e na arquitectura) está creado a partir de desniveis.

Segundo a RAG, o significado de desnivel é “diferenza de altura ou nivel entre dous puntos”. Estes desniveis son unha marca de identidade nos nosos produtos e aparecen reflectidos en todos os nosos deseños.

Por exemplo, nos mapas que elaboramos, reflectimos estes desniveis coas curvas de nivel na terra e as curvas batimétricas no mar.

 

2.   Como xurdiu a idea de crear unha cooperativa? Que vos fixo dar o paso para iniciar este proxecto de economía social? Considerades que a economía social representa os vosos valores?

Eliximos esta forma de organización da economía social porque é coa que máis identificadas nos sentimos polo feito de que nos permite non establecer xerarquías entre nós. Os principios que rexen a economía social, como a solidariedade, o esforzo e a cooperación, son elementos clave no noso traballo en Desniveis. 

 

3.   Cal é a actividade principal de Desniveis? Que tipo de servizos realizades?

Desniveis é unha cooperativa enfocada ao deseño en relación co territorio e coas nosas raíces. Todos os nosos proxectos teñen relación directa con Galicia e as súas paisaxes. 

As tres criámonos nas Rías Baixas, moi conectadas co mar. Isto foi o xerme para a creación dos nosos primeiros produtos, enfocados ás illas atlánticas. 

A primeira maneira de representalas foi a través de mapas, nos que aplicamos conceptos territoriais que estudamos na carreira de arquitectura, con moita influencia das cartas náuticas coas que crecemos.

A partir de aí seguimos avanzando e probando con outros formatos. Destes procesos xurdiron novos produtos que continúan a liña argumental do proxecto: a relación do mar coa a terra.

Ademais de traballar nos nosos produtos, gústanos especialmente traballar e colaborar con outras creadoras e enfrontarnos a novos retos que nos axuden a crear sinerxías.

 

4.   Que aspectos considerades imprescindibles para formar un bo equipo nunha cooperativa e perdurar no tempo?

As nosas bases son a comunicación, o respecto e a empatía. Entendemos que cada unha ten unhas circunstancias concretas, non todas vivimos na mesma cidade nin na mesma situación, e entender o contexto das demais é fundamental para poder traballar xuntas.

O feito de ser amigas, ademais de compañeiras de traballo, axúdanos a que a comunicación sexa máis amable e permítenos traballar nun contorno libre de presións internas.

A pesar de ser todas arquitectas, cada unha dispón dunhas habilidades concretas que fan que nos complementemos moi ben á hora de traballar de maneira colaborativa. Ademais, sempre temos en mente un obxectivo común, que é crear deseños que representen a Desniveis e cos que nos sintamos satisfeitas.

 

5.   Como foron os vosos comezos como cooperativa?

Dende os inicios, Desniveis brindounos moitas sorpresas e alegrías. Hai ano e medio que comezamos e sentimos que aínda estamos arrancando. Pensamos que nos queda moito por aprender e crecer xuntas con este proxecto.  

Emprender non é doado, pero a economía social facilita o proceso de creación de cooperativas xuvenís, como é o caso da nosa, reducindo trámites administrativos, gastos e tempos para a súa constitución.

 

6.   Que vos define e cal é o valor engadido dos vosos produtos?

O arraigo no territorio e o agarimo que poñemos nos deseños fai que os nosos produtos sexan únicos. O feito de traballar coas illas atlánticas axúdanos a conectar coas persoas que senten un vínculo especial con elas, que son moitas, debido á historia de conexión que hai entre as illas e a península.

A nosa maneira de representar os elementos, moi arquitectónica, termina de caracterizar os nosos produtos e diferencialos doutros con deseños similares. Sempre tratamos de que esta característica deixe unha pegada en todo o que deseñamos. 

 

 7.   Contades con persoas colaboradoras para a venda dos vosos produtos? Como establecedes contacto con elas? Contribúen ao aumento das vosas vendas?

A colaboración con tendas locais é fundamental para a venda dos nosos produtos. É a forma que temos de achegarnos a esas persoas que teñen unha vinculación especial con cada un dos territorios que representamos: Ons con Bueu, Cíes con Vigo… 

As relacións coas tendas coas que colaboramos xurdiron tanto a través de redes sociais, xa que Instagram é o noso escaparte virtual principal, como a través de recomendacións de persoas do noso contorno que apostaron por nós dende o inicio.

Os nosos produtos, cun proceso de elaboración entre dixital e artesanal, son máis atractivos de vender a través de tendas físicas que por internet. O feito de poder velos fisicamente posibilita que se poidan apreciar todos os detalles e o mimo co que os facemos. Aínda así, todos os nosos produtos poden mercarse a través da nosa páxina web (www.desniveis.com) porque entendemos que, na era dixital, facilitar a compra por internet é imprescindible para un negocio coma o noso.

 

8.   Cales son os vosos obxectivos a medio e longo prazo?

O noso obxectivo a medio prazo é seguir innovando na nosa liña de produtos. A longo prazo gustaríanos poder participar noutros proxectos colaborativos, como xa fixemos cun proxecto de mapas nas praias do concello de Bueu este pasado verán. 

De todos os xeitos, sempre estamos argallando novas ideas para acabar de consolidar Desniveis como marca.

 

9.   Que consello lles dariades ás persoas que queren materializar o seu proxecto pero non se atreven a facelo?

O primeiro é entender que os resultados non sempre son inmediatos, que todo ten un proceso e os tempos non sempre son os esperados.

Tamén é moi importante, á hora de iniciar un novo proxecto, apostar por ideas que sexan realmente gratificantes para traballar a gusto máis alá dos resultados. Xuntarse con xente que se complemente e coa que o traballo sexa agradable é fundamental. 

Por último, buscar un bo asesoramento ao inicio da actividade é imprescindible para poder resolver todas as dúbidas que van xurdindo no comezo e enfocar ben o proxecto.

 

Desniveis EN DATOS

Ano de constitución: 2021

Persoal: 3

Webwww.desniveis.com

 

Martes, 13 December, 2022 - 13:00

Compartir