Entrevistamos a COFEPA | Premio á traxectoria cooperativa

1. En Cofepa levades 50 anos formando condutores/as, coa importancia que ten a concienciación e a seguridade na rúa polo ben xeral. Que supón para vós recibir o premio á traxectoria cooperativa da Xunta de Galicia?

Moita alegría e un grande orgullo e satisfacción polo recoñecemento ao esforzo e dedicación dun traballo ben feito ao longo deste anos.

Este tipo de recoñecementos, dános visibilidade e, na comarca, somos a autoescola máis grande. Agora, este premio proporciónanos o prestixio que merecemos.

O noso lema é «Educando no valor de ser un bo condutor».

 

2. Que vos fixo decantarvos no seu día por escoller a fórmula cooperativa para o desenvolvemento do voso proxecto?  

No ano 1973, un grupo de 12 profesores asalariados de diferentes autoescolas de Ferrolterra deciden, debido sobre todo ás súas precarias e inxustas condicións laborais, agruparse baixo o abrigo do cooperativismo, en busca dun traballo e un salario digno.

Elixiron este formato empresarial porque era algo novidoso no momento e tiñan o exemplo dunha carpintería que daquela se formou como cooperativa de traballo asociado. Decatáronse de que os valores que tiñan estas sociedades cooperativas ían na liña dos pensamentos daqueles profesores, que co seu apoio e esforzo mutuo poderían darlles resolución aos problemas comúns que tiñan como traballadores asalariados.

A partir de aí fundouse a cooperativa no ano 1974, oficialmente co nome de COoperativa FErrolana de Profesores de Autoescola = COFEPA.

 

3. Cantas persoas formades parte da entidade na actualidade (tanto persoas socias como traballadoras)? Como vos xestionades para traballar de forma cooperativa?

Na actualidade somos cinco socios (dúas mulleres e tres homes) e 13 traballadores/as.

Para poder xestionar todo, facémolo mediante as asembleas xerais e o Consello Reitor. A día de hoxe cada vez é máis común realizalas mediante videochamada.

En global, somos máis mulleres traballadoras que homes e a presidenta é unha muller. Intentamos xestionar todo con democracia, igualdade e equidade.

 

4. Tendo en conta a longa traxectoria de Cofepa, cal considerades que é o segredo para manter o proxecto activo durante tantos anos?

Non hai un segredo, hai moitos factores que cómpre destacar: a ilusión por realizar un traballo ben feito e poder ver os seus froitos.  

Esforzo común entre todos (persoas socias e traballadoras), integración, solidariedade entre os membros da cooperativa, entendemento, compromiso co proxecto e axuda mutua entre as persoas socias.

Si é certo que, ao coller maior dimensión a empresa, se perde algo de comunicación debido á carga de traballo.

 

5. Con que valores cooperativos credes que se identifica mellor a vosa entidade? Cambiaron ao longo dos anos?

Solidariedade, igualdade, equidade, autoaxuda e perseveranza.

Os valores ao longo dos anos pola nosa parte non cambiaron. Se se perdesen, non habería cooperativa.

Moitos deles, como a igualdade, axuda mutua, solidariedade... aplícanse no día a día. Sempre están presentes.

 

6. Tendo en conta a vosa experiencia, que lles diriades ás persoas que están planeando crear unha cooperativa ou emprender?

Que coñezan o que é unha cooperativa. Que se informen e que se formen sobre este tema e estean dispostas a participar nun proxecto que require dunha maior participación.

A cooperativa ten moitas vantaxes: é unha empresa especialmente protexida pola lei e podes elixir o réxime xeral e non ser autónomo, coas vantaxes que iso implica.

Que sen esforzo non hai recompensa e sempre se recolle os que se sementa: nós vémolo agora con este premio.

É sacrificado, pero, a longo prazo, todo chega.

O cooperativismo é o futuro!

 

Cofepa EN DATOS

Ano de constitución: 1974

Sede: Calle Catalunya, 12 - BJ, Ferrol, 15403 , La Coruña

Persoal: 13

Web: www.ruta24.es

 

Venres, 7 July, 2023 - 08:45

Compartir