Entrevistamos a Alén | Premio aos valores cooperativos
1. Para quen non vos coñeza, a que se dedica Alén e quen se encontra detrás deste proxecto?
En Alén estamos especializadas en consultoría estratéxica en sustentabilidade e axudamos a integrar esta como vantaxe competitiva nas organizacións. Proporcionamos solucións operativas e innovadoras, as mellores prácticas e as ferramentas máis eficaces a pemes, Administración pública e outras entidades locais. Os nosos servizos pivotan en tres eixes: Axenda 2030, economía circular e acción polo clima.
En Alén somos tres socias: Claudia e as dúas Irias. As tres desenvolviamos a nosa carreira profesional na empresa privada, en funcións de finanzas, compras, cadea de subministración e xestión de proxectos, en Galicia, O Porto, Barcelona e Nova York, en grande empresa, moi afastada da economía social. De maneira separada comezamos a especializarnos en sustentabilidade, buscando un cambio profesional de cara a un proxecto con maior significado e impacto. Dúas de nós coincidimos nun curso universitario da UDC sobre sustentabilidade, onde xurdiu a semente de Alén, que naceu na pandemia.
2. Sabemos que as cooperativas se rexen por uns principios e uns valores determinados. No voso caso, que credes que vos diferencia do resto de cooperativas para recibir o premio aos valores cooperativos?
Optamos pola fórmula cooperativa porque é un modelo que permite vencellar a nosa empresa ao noso proxecto de vida e porque encaixa á perfección coa propia natureza do noso negocio.
Entendemos que unha organización empresarial debe poñer os grupos de interese no centro e cremos firmemente no traballo colaborativo, a xestión participativa e a primacía do capital humano fronte ao económico. Ademais, era fundamental, por propia coherencia do proxecto, ser fieis aos principios da sustentabilidade nas súas catro dimensións, xa que estes son os mesmos nos que se basea o cooperativismo.
O premio para nós recoñece que os valores cooperativos están presentes no noso día a día, o que sucede de forma natural pola nosa visión do traballo e pola propia esencia da nosa actividade, pero tamén de forma específica, facemos esforzos activos por impulsar a intercooperación e por divulgar o modelo cooperativo.
3. Que significa para vós ir “máis aló” na incorporación da sustentabilidade nas diferentes entidades? Que credes que debe cambiar no ámbito da sustentabilidade a nivel xeral?
O entendemento de Alén como "máis aló" para nós significa que o desenvolvemento sostible sexa a norma e non a excepción. Significa dar maior profundidade e alcance ao impacto positivo que pode ter unha organización, externa e tamén internamente (en termos de competitividade e creación de valor). Esa é a nosa visión.
A sustentabilidade ten que ser percibida como o cambio de modelo necesario. Nas últimas décadas alcanzamos grandes fitos en termos de progreso, pero precisamente ese progreso fai que consumamos recursos e contaminemos a un ritmo que o planeta non consigue soportar e que está afectando ao benestar da natureza e das persoas, e por suposto ten impactos na economía tamén. É preciso mudar de mentalidade para considerar outros obxectivos que non soamente sexan os económicos.
4. Que vos moveu a apostar por este proxecto?
Un cúmulo de varios factores. Experiencias vitais, especialmente a maternidade, fixéronnos reflexionar sobre o tipo de vida que queriamos levar. Tamén contabamos coa inquedanza persoal de axudar a crear valor e colaborar con proxectos cos que deixar pegada positiva no territorio. E, como explicamos anteriormente, durante o noso proceso de formación e especialización en sustentabilidade, detectamos a necesidade e, ao mesmo tempo, as oportunidades que brindaba de achegar a sustentabilidade ao tecido empresarial , administrativo e social galego. Neste caldo de cultivo, demos a luz a estoutro “fillo”: Alén.
5. Cales son os vosos obxectivos a medio/curto prazo? Como vos gustaría que fose a vosa cooperativa dentro de cinco anos?
Queremos consolidarnos e crecer, en termos profesionais e persoais; seguir tecendo rede, atopando entidades no territorio que queren mudar, innovar e transformarse para teren un impacto positivo; e ser un referente en sustentabilidade e innovación social, sen perdermos a coherencia e mantendo as persoas no centro.
Alén EN DATOS
Ano de constitución: 2020
Sede: Centro de empresas Accede Papagayo, Plaza Papagayo, s/n, 15002, A Coruña
Persoal: 3
Web: alenlab.com