Entrevista a Tomás Legido, xerente de DezdeDez

"A sociedade laboral é o modelo que mellor encaixa co noso xeito de entender o mundo da empresa”

 

Con 18 anos de traxectoria, a sociedade laboral DezdeDez [10d10] acumula unha ampla experiencia na xestión cultural en Galicia, na que destaca o seu importante labor no éxito da sala Mardi Gras, un referente no panorama musical da nosa comunidade e que en 2017 converteuse en finalista dos Premios Martín Códax na categoría de Mellor Sala. O seu traballo tamén axuda a visibilizar a marca “Facendo Empresa”, creada por Aesgal para agrupar a todas as sociedades laborais galegas. 

 

1.- A empresa naceu en 1999 orientada a actividades culturais e de ocio e, co tempo, produciuse unha diversificación. Como xurdiu a idea de creala?

Os tres socios iniciais formabamos parte dunha asociación cultural, unha radio comunitaria da Coruña. Cada un estaba rematando os seus estudos universitarios ou xa se graduara e decidimos arriscarnos, aos 27 anos, a montar o noso propio negocio e, deste xeito, saber se eramos capaces de traballar no que nos gustaba e coñeciamos.

 

2.- As actividades iniciais estaban moi ligadas á música, non?

Nun primeiro momento tiñamos unha pata que considerabamos importante, que era a publicidade e o deseño gráfico, que impulsaba o terceiro socio que estivo na empresa inicialmente e que xa non está con nós. Co tempo introducímonos na xestión de concertos, o management de bandas, a organización de eventos relacionados coa música e, incluso, algo que seguimos facendo agora pero con menos frecuencia, que é a amenizar festas de todo tipo con discoteca móbil.

 

3.- Por que a fórmula dunha sociedade laboral?

Tiñamos claro que queríamos achegarnos dalgunha forma, pola nosa vinculación co mundo asociativo previo, a algo similar a unha asociación ou cooperativa e, tras investigar diversas opcións, descubrimos a sociedade laboral, que era o modelo que mellor encaixaba co noso xeito de entender o mundo empresarial. Queriamos ser os propietarios, pero distribuír os recursos logrados dunha forma equitativa e, ao mesmo tempo, que revertan na sociedade no seu conxunto. A sociedade laboral era a vía era máis acaída.

 

4.- Polo tanto, é unha forma xurídica que recomendades a potenciais emprendedores.

Si, a todas as persoas ás que lles encaixe en función da súa planificación, especialmente se, ademais de traballar, queren involucrarse na xestión diaria da empresa e na toma de decisións.

 

5.- Traballades con moitos artistas, tanto galegos como de fóra, e incluso entre os vosos clientes está a popular sala Mardi Gras da Coruña. Cal é o perfil dos vosos clientes?

A sala Mardi Gras supón unha das nosas actividades principais. Levamos toda a súa programación anual, con 170 concertos en 2016, ocupámonos tanto da xestión das súas redes sociais, da contratación de artistas e da xestión da preprodución dos concertos. Estamos moi contentos con este proxecto porque fomos finalistas nos Premios Martín Códax da Música Galega á Mellor Sala. Levamos a xestión de carreiras musicais, como a de Silvia Penide, gañadora do Martín Códax 2016 á Mellor Artista Indie-Pop, así como a xestión de actuacións en Galicia de artistas de fóra da nosa comunidade, como El Kanka, un artista que triunfa no panorama internacional, ou a madrileña Ele, que vai actuar dentro duns días no Teatro Principal de Santiago de Compostela e no Centro Ágora da Coruña. Tamén nos ocupamos das actuacións que a cantante californiana Cygne (Laura Meyer) realizará en agosto a Galicia.

 

6.- Desenvolvedes outros proxectos no eido musical?

Somos codirectores da Semana da Música da Coruña, que se vai desenvolver do 12 ao 18 de xuño, o cal xa supón a súa segunda edición. Ocupámonos, xunto coa Asociación Estatal de Salas de Concertos, da coordinación da programación e a fase de produción.

 

7.- E actividades noutros campos?

O mundo da xestión cultural é moi amplo e difícil de definir. Aparte de ter clara a parte musical, moitas veces xorden proxectos diversos, como os educativos ou os elaborados para asociacións culturais que nos contratan para desenvolver as súas ideas. Neste sentido, traballamos cunha asociación cultural de Carral que ideou un xogo denominado “O Preguntoiro das Mariñas”, que é unha especie de Trivial da Bisbarra das Mariñas e están impulsándoo para levar a cabo unha especie de competición educativa entre rapaces da educación secundaria. Estamos traballando man a man para crear as bases, desenvolver o proxecto e que haxa unha especie de competición por concellos.

 

8.- Colaborades activamente co sector da economía social á marxe do voso propio negocio?

Colaboramos coa Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), sobre todo no impulso da notoriedade do proxecto “Facendo Empresa”, que é a marca colectiva que engloba a todas as sociedades laborais de Galicia. É un dos proxectos que se corresponden coa nosa actividade publicitaria e de posicionamento.

 

Venres, 5 May, 2017 - 12:00

Compartir