Entrevista a Rafael Toba, socio traballador de Cooperativa de Cine y Documental

“O noso novo proxecto, o documental La luz del olvido, incluirá imaxes inéditas da Guerra Civil española”

É unha das produtoras audiovisuais con maior traxectoria de Galicia e unha das máis relevantes no eido da economía social. Con participación en longametraxes tan populares como “Mar Adentro”, de Alejando Amenábar, os seus socios traballadores atoparon no cooperativismo o modelo idóneo para desenvolver os seus proxectos con total autonomía. E os resultados non poden ser mellores. Coñecemos as súas últimas novidades nesta entrevista.

A cooperativa naceu en 2010. Cal foi o motivo da súa creación?

A principal motivación foi a posibilidade de desenvolver un traballo que dependese de nós mesmos no que respecta á toma de decisións e, en especial, ao desenvolvemento dos nosos propios proxectos.

Canto tempo levou madurar a decisión de crear a cooperativa?

Foi cuestión de moi poucos meses. Os socios xa viñamos barallando a idea de formar unha produtora audiovisual en forma de cooperativa mentres traballabamos nunha produción allea.

A cooperativa está formada por profesionais con anos de experiencia no sector. Cal é o seu perfil?

Entre os tres socios complementámonos. Eu teño máis experiencia no campo da produción en xeral, aínda que tamén acumulo traxectoria como realizador e guionista. Os meus compañeiros manéxanse principalmente dentro da realización e a posprodución. De todas formas, a diversidade de traballos realizados ao longo destes sete anos proporcionounos unha alta capacidade de adaptación.

Cal é o perfil de empresas e clientes cos que traballades?

No noso caso, a maioría dos servizos prestados foron a empresas convencionais. Sen embargo, si que mantemos unha importante vinculación coa economía social, como non podía ser doutra forma e, a nivel institucional, realizamos vídeos para a Rede Eusumo de Galicia.

A experiencia dos profesionais que forman parte da cooperativa abarca máis de sesenta produccións audiovisuais. Que proxectos destacaría?

Podería citar El alquimista impaciente (Patricia Ferreira, 2002), La vida que te espera (Manuel Gutiérrez Aragón, 2004), Mar adentro (Alejandro Amenábar, 2004) ou León y Olvido (Xavier Bermúdez, 2004). Hai algúns que acadaron gran popularidade, pero consideramos que, ás veces, as mellores experiencias profesionais foron as relacionadas con producións de impacto mediático mínimo ou nulo, pero cuxo desenvolvemento resultou moi interesante e enriquecedor.

Nos últimos anos, o cinema e o audiovisual son sectores que están creando numerosas empresas de economía social (Numax, Zumzeig, etc.). Considerades que o ámbito cooperativo abre novas portas ao sector?

As empresas citadas dedícanse principalmente á exhibición e distribución de filmes e consideramos que cobren un espazo cultural necesario, no que a economía social ten un importante papel. Para nós, a economía social é unha alternativa en si mesma para os traballadores e traballadoras de calquera sector. De feito, se algúns modelos cooperativos non funcionan é máis ben polo contexto no que se atopan, pero non polo sistema cooperativo en si. Igualmente cremos que as capacidades dunha cooperativa son, en definitiva, as dos seus socios e socias.

Cales son as perspectivas da cooperativa para 2017 e a medio prazo?

O principal proxecto que temos entre mans é o documental La luz del olvido, que trata sobre o periodo histórico que abarca dende a proclamación da II República en 1931 ata o final da guerra en 1939. O tema é sumamente complexo pero apaixonante e, en moitos aspectos, descoñecido. Ademais, a cinta incluirá varios minutos de imaxes inéditas do conflito.

 

Xoves, 31 August, 2017 - 05:30

Compartir