Entrevista a Octavio Rodríguez, presidente e comerciante desde hai 36 anos no Mercado de San Antón (Madrid)

“Vin expresamente para buscar produtos diferenciadores para o Mercado de San Antón”

Moi boas foron as sensacións tras a “Xornada profesional de promoción dos produtos alimentarios e artesáns das cooperativas de Galicia” na que os convidados foron 6 dos máis importantes mercados gastronómicos de España. A materia prima considérena “excelente” e, en opinión de Octavio Rodríguez, presidente do Mercado de San Antón, en Madrid, as cooperativas só teñen vantaxes para buscar e consolidar novas canles de comercialización nestes espazos ou noutros.

Que lle pareceu esta xornada profesional?
Fantástica! Ademais, o sitio elixido para o encontro coas cooperativas é estupendo. A min este mercado da Praza de Abastos de Santiago encántame e veño case todos os anos cando fago o Camiño cuns amigos da infancia.

Ve posibilidades de éxito na comercialización dos produtos das nosas cooperativas nos mercados gastronómicos?
No Mercado de San Antón, ademais de ser gastronómico, temos un andar dedicado á venda tradicional do que eu me sinto moi orgulloso, incluso pensando en que se manteña e reforce con iniciativas que temos en carteira. Posibilidades hai moitas porque, precisamente, un dos proxectos de futuro que pronto poñeremos en marcha para diferenciarnos da competencia é apostar por produtos con denominación de orixe, de cooperativas ou de produtores pequenos, entre outros.

Entón si que se podería chegar a acordos frutíferos?
Vin expresamente para iso! Para buscar produtos diferenciadores para o mercado e para as miñas tendas!

As cooperativas poden darse a coñecer no seu mercado pola súa conta?
En San Antón temos espazos que alugamos, entre outras cousas, para presentacións de produtos e tamén hai postos estables nos que as cooperativas poderían vender directamente. Terían varias posibilidades pensando tamén nas tendas que xa hai. Eu, que son comerciante alí desde hai 36 anos, teño unha chacinaría-queixería cunha variedade de máis de 200 marcas de queixos, incluídos algúns galegos. 


Foto de familia dos xerentes e presidentes dos 6 mercados gastronómicos asistentes á xornada

Aprecian os consumidores e clientes os valores que hai asociados aos produtos de economía social (equidade das persoas, implicación coa comunidade, proximidade, respecto ambiental,…) ?
Sen lugar a dúbida! Eu sempre digo que nunha tenda hai dous tipos de persoas detrás do mostrador: o que despacha e o que vende. Nós, cando un cliente vén comprar un queixo contámoslle o que todos queremos escoitar, a historia que hai detrás: a súa procedencia, se a vaca comeu pasto de alta montaña, se é de primavera. Trátase de darlle un valor para argumentar que é un queixo estupendo, de explicar por que esta rico e cales son as diferenzas cun queixo máis industrial.

Entón, a importancia do factor humano é dobre! Por unha parte o da propia produción e, pola outra, que o vendedor saiba contar a historia que hai detrás.
Efectivamente, hai que darlle ese valor real para explicar por que un produto ten ese sabor excepcional e por que ten ese prezo xa que hai un gran traballo de persoas detrás.

Cre que teñen algún reto as cooperativas para comercializar os seus produtos?
Non creo que teñan ningún. Ao contrario, vexo todo vantaxes porque a demanda de produtos de calidade e ecolóxicos é cada vez maior e se detrás hai unha cooperativa, cos valores que ten asociados, máis puntos ao seu favor. Non obstante, desde o meu punto de vista, o papel das administracións para axudalas e identificar as mellores canles ou puntos de venda é clave e unha grande axuda. Neste sentido, este encontro profesional é unha grande idea.

 

Mércores, 24 January, 2018 - 05:30

Compartir